O “telo que saber” de VAIDEPEIXE sobre o peixe

Vaidepeixe

Toda persoa seguidora do #vaidepeixelifestyle coñece o noso decálogo, sabe cales son os momentos óptimos de consumo de cada especie, sabe sacarlle a cada peixe tres/catro boas receitas -preparadas na pota, á prancha, no forno ou en conserva-, sabe perfectamente cales son os pratos con produtos do mar favoritos de Patricia F. Santana ou Fran Cañotas e, como non, seguiu con lapis e libreta algún dos directos de Ana Peleteiro preparando unha receita. Se xa participou nalgún concurso con receitas propias: matrícula de honra.   

De todas maneiras, e tendo en conta que moitas e moitos aínda están en días de exames, repasar nunca sobra. Así, decidimos elaborar este pequeno artigo con un “telo que saber” sobre os produtos do mar, para que cando presumas de ser seguidor/a de VAIDEPEIXE quedes de auténtico/a pro. Imos!

Azul e branco. Cal é a diferenza?

Escoitamos falar moito de peixe azul e peixe branco, de cal é mellor... A resposta é sinxela: calquera dos dous tipos son recomendables e o seu consumo achéganos nutrientes e beneficios para a saúde. Agora ben, cada un faino á súa maneira.

O peixe azul (rodaballo, troita, sardiña) acumula 8-15% de masa graxa e por esta razón é rico en omega-3 (falamos disto máis abaixo). Este tipo de peixe conten proteínas de alto valor biolóxico como iodo, magnesio, ferro e fósforo. Ademais, algúns destes peixes poden ser consumidos con espiñas, o cal achega calcio ao noso organismo.

Pola súa banda, o peixe branco (peixe sapo, pescada, bacallau) ten un contido graxo menor que o peixe azul, entre o 1-3%. Son menos calóricos e máis facilmente dixeribles e tamén achegan elementos como calcio e fósforo ao noso organismo. Son ademais ricos en vitaminas B, C, A, D e E.

Para que serve o Omega-3?

O omega-3, tan abundante no peixe azul, é un ácido graxo que ten grandes beneficios para a nosa saúde, en particular todo o que ten que ver co sistema cardiovascular. Diferentes estudos atoparon que a xente que consume peixe azul dúas veces á semana ten un 50% menos de posibilidades de ter algún problema cardíaco. Case nada.

A cousa non queda aí. O omega-3 mellora a capacidade anti-inflamatoria do organismo, estabiliza o sistema inmunolóxico, mellora a circulación cerebral -fortalecendo a actividade do mesmo- e no caso das mulleres alivia a síndrome premenstrual. Estes son algúns dos beneficios máis destacados.

Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC, cóntanolo faciliño: “Se queres ter un organismo premium, un corazón premium, un sistema inmunolóxico premium... toma alimentos premium”. Adiviñade que produtos están entre estes alimentos premium. Correcto.

Como é iso de que vou ter mellor memoria e desenvolvemento intelectual?

Non che estamos dicindo que por comer moito peixe vaias ser Nobel de Física, pero se acadas esa meta non deixes de meter o peixe na lista de agradecementos. Como xa sinalamos o peixe é gran fonte de fósforo, ao que hai que sumar o zinc, as vitaminas A e B12, e ácido fólico. Todos estes elementos contribúen á concentración, a aprendizaxe e á memoria. Ademais, o peixe azul contribúe a activación das capacidades cognitivas.

Cantas veces teño que comer peixe á semana?

Se repasas un pouco o que comes cada semana seguro que xa cumpres co mínimo recomendado. Vexamos: o luns fixeches ensalada de pasta con atún, o xoves pediches sushi, o sábado fuches comer á casa de teus pais e fixeron robaliza ao forno. Conseguido! Os expertos recomendan consumir peixe 2-3 veces por semana combinando peixe branco e azul. Agora intenta cumprir o obxectivo facendo ti algo ;)

Como podo preparalo?

En canto a isto, témosvos falado do asunto en varias ocasións. O mellor que podedes facer é repasar estes dous artigos do noso blog:

•    Guía VAIDEPEIXE para ser un chef de primeira: nivel básico
•    Guía VAIDEPEIXE para ser un chef de primeira: nivel avanzado

E claro, non podemos concluír este artigo sen retarvos a preparar as múltiples, variadas e sobre todo riquísimas receitas do noso sitio web. Preme aquí para velas.

E xa non dicimos máis. Coma sempre, recordámosche seguirnos no noso Instagram. E cando fagas receitas espectaculares compárteas con nós co cancelo #vaidepeixe.