CRISTINA MARÍA FERNÁNDEZ MANGANA GAÑA O CONCURSO VAIDELETRAS 2

Vaidepeixe

Cristina María Fernández Mangana (Ourense, 1993) é a gañadora do concurso VAIDELETRAS 2, organizado pola Consellería do Mar dentro da campaña VAIDEPEIXE, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O xurado reuniuse na tarde deste luns 31 de maio e decidiu premiar o relato curto de Cristina entre os máis de 120 textos recibidos.

O xurado valorou a capacidade para poder condensar en 150 palabras (máximo permitido) un relato vitalista, incluso aventureiro, a través dunha redacción áxil e cunha gran calidade lingüística.

O premio para a gañadora consiste nun bono de 100 € en libros para utilizar nas librarías da Federación de Librarías de Galicia adheridas ao Carné Xove e un teléfono móbil.

O xurado do concurso VAIDELETRAS 2 estivo composto pola conselleira do Mar, Rosa Quintana; Pastora Charlín, xefa do gabinete de comunicación da Consellería do Mar; Cristina Pichel Toimil, directora xeral de Xuventude; e María Manuela Leis Cambeiro, de Política Lingüística.

A continuación, compartimos o relato gañador:

A embarcación xa estaba lista, só faltaba enchela de todo aquilo que ía precisar durante a viaxe. Amoreei unha a unha todas as caixiñas que tiña preparadas e despois coloqueime a min, con coidado, no último oco que quedaba dispoñible. E foi aí, co barco cheo de vida, cando as catro madeiras vernizadas se converteron nun fogar. Un fogar de rumbo móbil, variable, disposto a levarme a onde eu quixer. Un fogar agora aniñado, arroupado, capaz de remover as entrañas con adrenalina e paz a partes iguais. Un fogar crisálide, listo para o cambio de pel.

A embarcación xa estaba lista, o fogar xa estaba listo, eu xa estaba preparada. Comezaba unha viaxe sen destino coñecido. Comezaba unha viaxe que nunca ten fin.