FRAN CAÑOTAS: “Gústame ir á praza comprar produto do día e falar coa xente”

Fran Cañotas

Cantos quilos engordaches desde que comezaches a presentar “Come a comarca”?
Esa pregunta é un clasicazo. É das que máis me fai a xente e tamén miña nai. Na primeira tempada engordei dabondo (4 quilos!!). Despois no confinamento empecei moi mal a ese nivel. Os primeiros 15 días eran consola e comer, pero despois púxenme serio e cheguei a maio con 6 quilos menos, co cal, baixei 2 quilos con respecto ao preconfinamento.  Esta tempada moi pouco. Ao mellor un quiliño. Estiven máis activo.

Supoño que co que che poñen diante é complicado?
É duro. Mira como te estou mirando. É moi duro aguantar a barbaridade de cousas que che poñen. Moitas veces gravabamos pola mañá parte do programa, parabamos para comer (sempre en abundancia) e despois volviamos para gravar e poñíanche diante o máis rico que se che pase pola cabeza e non te podías negar. Unha porque estabas gravando e outra porque o propio corpo che pedía: “Animal, bárbaro, que non tes vergoña, como vas deixar iso aí?”.

Temos unha educación de que non se pode deixar nada no prato.
Aí está. Está moi mal visto deixar algo sobro. Aínda é hoxe o día que miña nai me di “pobre de ti que saiba que tiras comida”. É moita presión social. Tes que comer (risas).

Que é o que máis che gusta deste proxecto?
É unha pregunta complicada. É o meu primeiro prime time, o primeiro programa “grande”. De por si, a ilusión é máxima. Pero, aínda por enriba disto, coñeces a grandísima variedade e riqueza gastronómica que hai neste país. Creo que a xente non é realmente consciente de que somos moito máis que polbo, patacas, millo e churrasco. É unha auténtica tolería. Igual que a xente vai facer a ruta dos faros ten que ir facer todas as rutas gastronómicas que poida.

Eu antes era moito de dicir que había que facer máis eventos culturais e menos festas gastronómicas. Agora sigo dicindo que eventos culturais todos os que se poida, pero as festas gastronómicas que non as quiten porque son unha auténtica pasada.

Eu son un gran defensor de coñecer o país. Moito falamos de ver mundo, de viaxar. Hai que ir a Berlín pero non estiveches en cabo Touriñán. Creo que é moi importante coñecer Galicia para entender como somos ao 100%.

E volvendo ao que máis me flipa do programa, desde logo é coñecer xente, descubrir historias como a dunha señora de Lobios, produtora de chourizos de maneira artesanal. Esa señora ten setenta porcos, ferrados de verzas para alimentalos... todo nunha aldea perdida na serra. Ver como unha parella de xente maior dá ese paso, crea unha marca con produto artesanal, vende aos mellores cociñeiros do mundo e ninguén os coñece. Historias coma esas en Galicia hai a moreas.

Un rapaz de preto de Monforte fíxose cunha sala móbil para muxir e montou unha explotación cunha morea de razas de vacas. Os animais están todo o día fóra e van rotando polas diferentes fincas que os veciños lle ceden de bo grao, xa que llas manteñen limpas. Oito mastíns e un burro fan labores de vixilancia. Con estas cousas ves o futuro que hai no rural.

Que receitas probaches por primeira vez? Algunha que sempre dixeches que non ías catar?
Probei absolutamente de todo. A lamprea, por exemplo. Probei lingua de vaca con sabor a carne de kebab. Era un pincho espectacular. No Come a comarca pasoume moito que probei cousas tradicionais ás que lle daban unha volta. Sorprendeume moito en Tui unha rapaza que facía cousas como lentellas e callos totalmente vexetais, co sabor, pero sen ingredientes animais.  Tamén probei o calleiro en Fisterra. Con iso alucinei porque é unha cousa como doutro século e que o sigan facendo paréceme espectacular, e ademais está bo.

Das receitas con peixe: cal che gustou máis?
A que máis me gustou foi en Fisterra. Sefa Insua, do restaurante O’Fragón, fixo un guiso de aproveitamento con percebes e patacas. Eu dicía: “que fas, bárbara, guisando os percebes?”. Explicoume que alí, cando lles sobraban percebes, ese tipo de receitas era habitual. Gustoume moito, un guiso tradicional pero cos percebes. Probei xardas, douradas, chocos, polbo, raia... probei de todo.

Axudouche a aprezar máis a importancia do peixe?
Eu son máis de carne, pero si que é certo que miña nai sempre procurou que o peixe sempre tivese presenza na nosa dieta. De feito, de tanto que insistiu, conseguiu que me gustara o bacallau. Agora imos a Portugal e bacallau sempre. Incluso meu pai, moi carnívoro, se animou coa cociña e faiche arroz con marisco e cousas así. Está moi ben.

E xa non falo do tema marisco. Iso encántame. Meu pai comería marisco todos os días. E a pescada encántame.

En definitiva, o peixe gústame e cando o compro procuro telo fresco, sexa no súper ou na praza. De feito, é algo que aprendín de miña nai, a compralo no día.

Entón como te organizas para comprar, cociñar...?
Depende da época. Cando hai gravación de programa toca comer fóra. Se teño tempo, vou pasear e comprar ao mercado ou ao supermercado. Aínda que algunha vez pequei de novato, teño unha historia cuns vales moi boa na que acabei pagando un prezo desorbitado por unhas navallas. De todas maneiras encántame ir á praza e falar coa xente, especialmente cos maiores.

Atrevícheste con algunha das receitas de Come a Comarca?
Aínda non. Teño anotadas un par delas, pero pensa que moitas desas receitas son de gran nivel e tendo en conta as miñas habilidades dáme pena estragar o produto. Entón collo e vou a Google e busco algo máis axeitado ao meu nivel. Non me saen mal, eh.

Anotei receitas de sobremesas tamén e teño aí un par de retos para subir a redes sociais, pero aínda non tiven tempo.

Estaremos pendentes... Imos co tema profesional. Es unha das caras novas máis recoñecibles da CRTVG. Como comeza a túa aventura nesta casa?
Comecei na Radio Galega facendo prácticas. A carreira empeceina en Bilbao (aquí non me deu a nota) con gran sacrificio e axuda de meus pais. Sempre lles estarei agradecido. Tanto eles coma miña avoa son os meus máximos seguidores. Meu pai non perde nada do que fago, incluso ve as redifusións. Imaxina o nivel...

Volvendo ao tema. Eu sempre tiven claro que quería traballar na CRTVG e facelo na miña lingua. Se me din hoxe que os próximos 30 anos estarei traballando como comunicador, cobrando dignamente e facéndoo no meu idioma, non pido máis.

Tras trasladar o expediente a Santiago comecei de prácticas no Galicia en Goles, narrando partidos. Logo sacaron unhas prazas para o departamento de redes sociais da CRTVG e conseguín unha. Alí traballei con profesionais como Alba Mancebo, moi amiga miña e que xa coñecía de grupos de teatro. Desa experiencia saímos varias persoas que hoxe estamos con novos proxectos na tele e creo que esa renovación é boa.

Logo participei nun casting para presentador e, no es que lo diga yo, pero saíume bastante ben. Grazas a isto recibín unha chamada do director de deportes da televisión para facer as redes sociais do En Xogo. Citoume para ese mesmo domingo. Cheguei á hora que me dixo e rifoume por chegar tarde. “Pasa maquillarte”, díxome. Eu alucinando pensando que aínda quedaban cinco horas para o programa. Estoume maquillando e dime: “Veña, para o plató 150!”. Eu pregunteille que para que e respondeume: “Vas presentar a Liga das Cidades”. Caeume a alma aos pés. Fixen catro horas de programa.

Cada vez que vexo o vídeo pártome as cachas ao ver o nervioso que estaba.  Ademais o programa estaba de aniversario e eu pensaba en como puideron facer semellante cousa: poñer un novato a presentar nunha data así. Afortunadamente saíu todo ben e ao acabar dixéronme: “Bueno, para a semana máis”.

Despois propuxéronme presentar o Adiviña quen vén esta tarde e de aí saltei ao Come a comarca.

Onde te ves: nos programas tipo entretemento ou no xornalismo deportivo?
A min gústame comunicar. Contarlle cousas á xente de diferentes maneiras. Seguramente onde non me vexo é nos informativos. Agora, os programas para min son o ideal. Eu sempre digo que tería encantado un programa dun concurso onde repartir cartos todos os días. Sempre lle digo a Rodrigo Vázquez que me encantaría presentar o Ti Verás. Agora, traballar con ese equipo de deportes que hai na TVG (e tamén na Radio Galega) é unha delicia. Vivir o fútbol galego desde dentro é unha pasada. Non somos conscientes do servizo público que fan os deportes da radio e da televisión. Eu consumo moita televisión, vexo como están as cousas por aí, e o que se fai aquí, cos recursos que hai, é crema. Vexo o meu Arzúa todas as findes e chegar a ese nivel de proximidade... ojito.

Xente como Gustavo Varela -que para min é o mellor xornalista deportivo que existe-, unha persoa que lle preguntas pola Terceira andaluza e sabe ata o último detalle de cada xogador. Unha barbaridade.

Ben, teño esa dualidade: entretemento e xornalismo deportivo. Síntome coma un híbrido.

Sacando a evidente parte negativa, que aprendizaxe sacaches do 2020?
É difícil. Non sei se todo o mundo aprendeu cousas boas. Lamentablemente creo que a pandemia nos polarizou un pouco máis. Eu, que son un animal social, o feito de pecharme na casa... non sei se podo sacar algo positivo.

Creo que no ámbito das novas tecnoloxías houbo unha explosión. Reconectei co mundo streamer, vin xente nova que está facendo cousas moi boas a través de diferentes plataformas. Sempre nos queixamos de que non hai cousas en galego e este ano apareceron unha morea de novas iniciativas.

Imos cun minitest...

Unha lista de Spotify
Galeguízate – Nova antoloxía da música galega.

Unha serie coa que esteas flipando
The Voice e Método Criminal.

Un lugar para ir co móbil apagado
Arzúa.

Unha viaxe pendente
Moitísimas. Unha viaxe pendente cos colegas de Arzúa. O sitio dáme igual, pero con eles.

Un restaurante ao que lle teñas gana
O Culler de pau.

Alguén a quen admires na túa profesión
Gustavo Varela.

Un famoso que che gustaría coñecer
Castelao.

Un pracer culpable
Toleo cos chocolates. Son un larpeiro.

Polbo á grella ou á feira
Á feira. Á grella tamén me gusta, pero á feira...

A receita definitiva con Queixo de Arzúa?
Os pauciños de queixo de Arzúa con marmelada de pemento de Casa Nené. Iso é bocado dos deuses.