TikTok
Atún cun toque de cacao?

Atún con chocolate

Hoxe celebramos o Día Mundial do Chocolate e desde Vai de Peixe atrevémonos cun reto ben curioso: facer un prato de peixe e chocolate, a que é interesante?

Pero antes de poñernos co labor convén lembrar que Galicia ten unha interesante tradición chocolateira. Para quedar coma unha eminencia en cuestións de chocolate, vaian por diante algúns apuntamentos para sorprender os teus comensais cando presentes o teu peixe ao chocolate. Por exemplo, sabías que o chocolate chegou á Península tras o descubrimento de América? Foi dos primeiros alimentos que traían as naves cando regresaban do Novo Mundo. Na actualidade, parte da materia prima que chega a Galicia para elaborar calquera larpeirada con chocolate procede de Costa de Marfil.

Os galegos e galegas somos uns chocolateiros con historia. Nas catro provincias contamos con fábricas -algunhas centenarias- que elaboran chocolate. Desde  1927 funciona Chocolates Mariño, en Carballo (A Coruña), que a día de hoxe mantén o proceso de produción manual coa receita orixinal. Desde a mesma época está aberta a fábrica coruñesa de Chocolates Express, unha cidade con tradición chocolateira na que os veciños reciben o alcume de “cascarilleiros”, recordando o uso que facían da parte exterior do froito do cacao para elaborar leite con sabor a chocolate.

A ourensá Chaparra, fundada en 1850, supera o século de vida. Chocomiño, en Pontevedra, esta aberta dende fai dúas décadas. Estes son algúns dos exemplos da presenza deste produto en Galicia, pero seguro que coñeces outros casos.

Intenta recordar algunha destas historias mentres gozas da proposta de hoxe, na que mesturamos o cacao cun peixe que moitas e moitos consumides de cote: o atún.

Bo proveito!

Atún ao chocolate

Ingredientes

  • Medio quilo de atún cortado en anacos (recorda que se pides na peixería que o limpen seguramente o aproveites máis).
  • Media tableta de chocolate raiado ou 100 gr chocolate en polvo.
  • 3 patacas medianas.
  • 2 allos porros (a parte branca).
  • 2 cebolas.
  • 50 gr tomate triturado.
  • 1 vaso de viño branco.
  • AOVE (Aceite de oliva virxe extra).

Elaboración

1. Nunha tixola poñemos o AOVE e cando estea quente engadimos a cebola e os allos porros ben picados e o deixamos facer.

2. Pelamos e cortamos as patacas, botamos na tixola,  engadimos o viño e cocemos durante 2 minutos.

2. Engadimos auga ata cubrir todo os ingredientes, deixamos cocer e cando estea lista engadimos o tomate e o chocolate. Cocemos 5 minutos.

3. Misturamos todo ben.

4. Engadimos os tacos de atún e tapamos. Deixamos cociñar 5 minutos a fogo medio.

 5. Comprobamos que o bonito estea feito e finalmente empratamos.