Mónica Castelo: "No mar, unha onda soa pasa desapercibida, moitas ondas xuntas, son unha tempestade".

Falamos coa capitá do CRAT Rugby de deporte e alimentación.

Mónica Castelo

Mónica Castelo (Oleiros, 1987), unha das capitás do equipo de rugby CRAT Coruña e integrante da selección nacional que logrou alzarse co Campionato de Europa en 2019 acumula tantos éxitos como quilómetros nas súas pernas. Para seguir crecendo en experiencia e vitorias a enerxía é básica e esa vén de múltiples factores, entre eles a imprescindible boa alimentación.

Dende que comezou a xogar aos 21 co CRAT foi campioa na Liga Iberdrola 2015-2019 e de Series VII en 2010. Coa selección galega foi campioa de España de Rugby VII: 2018-2019 e subcampioa de España 2019. Ademais coa selección española foi campioa de Europa 2016, 2018, 2019 e participou no Mundial de Irlanda 2017.

Unha traxectoria deportiva que desenvolve ao mesmo tempo que os estudos como técnica en Animación Físico-deportiva e maxisterio en Educación Física.

Mónica continúa o seu camiño pensando xa nos obxectivos da vindeira tempada (que se solapará coa pasada aínda non pechada): obter, coa Selección, clasificarse para o mundial que se xogará en decembro contra Italia, Escocia e Irlanda. E co club mantén o seu propósito: gañar a liga, "apuntamos alto, sempre".

Todo un proceso no que ten claro que "o traballo en equipo prevalece por riba de todo. Non importa o boa que poidas chegar a ser ti, se non o grande que fas a que esta ao teu lado. No mar, unha onda soa pasa desapercibida, moitas ondas xuntas, son unha tempestade".

Hoxe falamos cunha deportista galega de elite que creceu entre os fornos do negocio de hostalaría da familia. Deses anos aprendeu algúns trucos, receitas e anécdotas que hoxe comparte con nós.

- Cales son os teus primeiros recordos dunha cociña?

Na miña vida sempre estivo moi presente a cociña. Xa de pequena comía coas miñas irmáns na mesa da cociña do restaurante dos meus pais. Recordo a miña nai nos fogóns sacando comida para os clientes mentres nós chegabamos do colexio e esperabamos a que nos puxera de comer.

- Se non fose o rugby, as túas horas libres terían rematado no negocio familiar?

O restaurante levou moitas horas, xa dende pequena. Era parte da rutina diaria, e compaxinábao co rugby, cos estudos e posteriormente co traballo. As horas do rugby terían ido para outro deporte, non imaxino a miña vida sen deporte.

- “O rugby é un deporte minoritario e de homes”. Cita cinco razóns coas que desmontar esta afirmación tan habitual.

Os deportes no teñen sexo, nin son unha posesión. Son das persoas que os practican. Ao ser un deporte tan completo, onde fan falta moitísimas habilidades e destrezas, así como forza e velocidade, está feito para que cada prototipo de persoa teña un rol diferente no campo.  As mulleres non somos tan rápidas ou fortes, pero si somos áxiles, e en habilidades e destrezas somos tan boas ou máis que os homes. É un deporte minoritario en certos países, aínda que en España agora mesmo crece exponencialmente, pero noutros países é o deporte rei. Todo depende dende onde o vexas.  A maioría da xente nin sequera sabe que existe o rugby na nosa comunidade, nin en España, pero realmente, se lle dese a oportunidade de mostrarse e a xente o probase tería mais afección, é aditivo, engancha.

- Sendo deportista profesional: a alimentación é algo que se debe coidar máis do habitual? Como organizas o teu menú semanal?

Teño moita sorte de contar coa miña nai para preparar a comida. Os meus horarios de traballo fan que sexa complexo para min. Trato de comer peixe 3 días á semana, alternos. Proteína, pasta e arroz son básicos na miña alimentación. O domingo é libre, así que é sorpresa, aínda que controlando, que senón o luns costa máis moverse.

- Viaxar no ámbito deportivo as veces limita as opcións culinarias. Pero, cal é o prato máis sorprendente destes desprazamentos?

Viaxar a algúns países ensinoume que en España se come moi ben, e en Galicia máis. En calidade da comida, empezando polo peixe, hai unha diferencia abismal. Nos que estiven, o peixe brilla pola súa ausencia nas comidas, as veces só e bonito na ensalada. Por iso cando chego de viaxe, o primeiro día sempre toca salmón, pescada ou peixe espada.

A verdade é que cando viaxamos fóra intentan que a alimentación sexa similar á habitual.  Estando en competición sempre temos ensalada, pasta, arroz, polo ou peixe.

- Intercambias receitas de cociña coas compañeiras? Cales das túas son as que tiveron mais éxito? E cal é a que engadiches ti?

 Si, deses momentos eu pasei a receita de bacallau ao forno, foi a que máis chama a atención. Fágoo con pementos, cebolas, patacas e tomate natural. Queda espectacular, e con moitísimo sabor.

Das receitas das compañeiras incorporei uns pementos de piquillo recheos de pescada e gambas con salsa de piquillo que me encantan, xa que na miña casa facíanos con carne.

- Que influencia ten o peixe na túa alimentación?

Como peixe tres veces á semana, pero realmente despois incorporo máis a través de ensalada ou empanadas.  O bonito en conserva que preparamos na casa é un básico.

- Sendo duna cidade costeira, que tal te entendes co peixe?

Cando era pequena e a miña nai limpaba o peixe, eu buscaba axudar e a miña actuación era quitarlles os ollos aos peixes. Aí remata toda a miña relación coa limpeza de peixe, nunca aprendín a facelo ben.

- E cos fogóns, como te levas?

Gústame cociñar e improvisar na cociña, a pesar de que pola semana non podo facelo.

- Un truco para cociñar o peixe?

 Se cociñas o peixe en papillote (envolto en papel de aluminio, adobado ao gusto e ao forno) deixará moito menos olor na cociña.

- Cal é a túa especialidade?

A lasaña de berenxenas quédame moi ben. E o marmitako de bonito é o meu prato estrela, aínda que reservado a algún fin de semana, xa que é canto teño tempo de cociñar.

- Ser moza é incompatible con cociñar?

Totalmente non. Entendo que hai pratos moi elaborados que facelos precisan de tempo, pero sempre podes empezar por algo máis sinxelo e ir improvisando.

- Algunha receita para compartir con todos?

Marmitako de Atún.

Ingredientes:

  • 400 gr de atún
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 pemento morrón
  • 1 tomate
  • 3 patacas
  • 150 ml de viño
  • Caldo de peixe ou auga
  • 5 g de pementón
  • Aceite e sal

Cociñamos a cebola picada e engadimos o pemento, allo e tomate picados e fritimos.

Cortamos as patacas en pezas medianas e engadímolas xunto a un pouco de pementón e sal. Removemos e salteamos con viño.

Engadimos caldo ou auga e cando comece a ferver baixamos o lume e tapamos. Deixamos cociñar media hora, máis ou menos.

Cortamos o atún en tacos dun par de centímetros e engadimos ao final do cociñado. Tapamos e deixamos no lume mínimo durante uns minutos.

- Peixe, carne, verduras, marisco ou sobremesa: en que orde escolles o teu prato favorito?

Marisco, verduras, peixe, carne e sobremesa. Non son moi de doce.

O test rápido:

- Un capricho na cociña.  Gústame poñer música mentres cociño, faime feliz.

 Cociñar axuda a.... Desconectar

- Adestrar ou cociñar?

Mmm.... difícil, gústame moito cociñar, pero o rugby agora mesmo é a miña paixón.

- Cociñar ou comer.

Esta é máis sinxela, sen dúbida, comer.

- A túa mellor obra culinaria.

Facer as lentellas como a miña nai e que teñan o mesmo sabor! É o meu maior logro, nunca sae nada co mesmo sabor que a miña nai.

- O máis sorprendente da cociña.

A cantidade de formas diferentes que tes de cociñar o mesmo alimento, non te quedes só no frito, cocido ou á prancha!

- Un reto na cociña.

Para a miña irmá e máis para a min o mellor prato é a crema de verduras da nosa nai, e estamos frustradas, porque a pesar de ser unha receita doada, non nos sae. O meu reto é preparar unha crema de verduras coma a da miña nai.

- Un reto no campo.

Superarme día a día.

- Un soño deportivo.

Agora mesmo clasificarnos para o Mundial de Nova Zelanda en 2021.