David Vilares, modelo, músico e presentador de televisión: “Son un gran fan do peixe ao forno”

Representou a Lugo no concurso de Míster Internacional España, é dobrador, e traballa na televisión galega. Xa sabes de quen falamos?

David Vilares, modelo, músico e presentador de televisión: “Son un gran fan do peixe ao forno”

David Vilares (Cadoalla- Becerreá, 1996) é un mozo que se atreve con todo: desde tocar a gaita a cociñar, estudar, e que podes ver no programa da TVG "Quen anda aí?”

Hoxe falamos con este inquedo mozo que parece ter tempo para todo, porque ademais tamén se desenvolve moi ben na cociña, unha das súas estancias preferidas da casa. David apunta que os pratos de peixe están entre os seus favoritos.

No mes de xullo representaches a Lugo no concurso nacional de beleza masculina, como foi a experiencia de participar en míster internacional?

A verdade é que foi unha gran experiencia da que soamente podo sacar aspectos positivos. Nunca me propuxera participar nalgún certame deste estilo pero, sen dúbida algunha, repetiría. Lévome un recordo marabilloso e unha fermosa historia que contar.

Unha das partes da proba era mostrar as habilidades dos participantes. Ti mostraches a túa arte cos instrumentos máis tradicionais da cultura galega. Cal foi o momento que máis chamou a atención?

Diría que o primeiro momento que chamou a atención chegou cando se me viu no vídeo da proba de talento cantando e tocando a pandeireta. Foi algo que nunca se vira nun ‘míster’! Pero o que sen dúbida me pareceu o momento máis máxico foi cando me tocou demostrar o meu talento en directo na gala: sentía que non só tiña que defender as miñas aptitudes para gañar a proba de talento, senón que tamén tiña que mostrar ao mundo uns sons e unha cultura tan fermosa coma a nosa.

De Galicia poden darse a coñecer moitas cousas, e unha delas é a gastronomía. Tiveches a oportunidade de dar a coñecer algo dela?

Dende logo. Cando saio de Galicia, unha das cousas que máis boto en falta é a comida. Cando me din que faga unha recomendación, que fale dun prato galego, confeso que non podo dicir un só. O mellor é vir e probalo por un mesmo.

Falando de gastronomía galega, cal é o teu prato preferido?

Que pregunta máis complicada! Xa che dixen que me resulta moi difícil elixir un único prato. A variedade gastronómica da que gozamos é tan grande que podería elixir varios pratos de cada estilo. Admito que son un gran fan do peixe ao forno, dende unha robaliza, a dourada ata a troita asalmoada, que quizais sexa a miña favorita.

Xa sabemos de moitas das túas habilidades, pero a túa relación cos fogóns como é?

Pois temos unha boa relación. Non son un gran cociñeiro pero diría que “saio do paso”. Tamén teño a vantaxe de que vivo só, entón se non me gusta a comida que fago, non me queda outra que aguantarme.

Agora que andas noutras aventuras profesionais televisivas, nas gravacións tendes oportunidade de intercambiar receitas?

O certo é que si. Actualmente estou no programa ‘Quen anda aí?’, gravando a señoras ou señores que aínda cantan ou tocan algún instrumento, e moitas veces téñennos preparado cousiñas para picar.

Es dos que cociñan na casa ou dos que pensan que o prato preparado é o mellor aliado?

Na miña casa cociño, aínda que non teño unha carta moi ampla por así dicilo. Prefiro cociñar eu mesmo e comer o máis saudable posible. Na miña cociña non adoitan faltar verduras nin froitas e procuro manter unha dieta equilibrada con bastantes produtos frescos. Son bastante amigo das da peixería do meu supermercado de confianza. Vivir na Coruña e non comer produtos do mar sería un desperdicio.

A túa receita estrela?

Pois a miña receita estrela é a troita asalmoada ao forno. Aínda que debo admitir que nunca me sae igual de ben que a miña nai. Aínda que sigo ao detalle a súa receita e cos mesmos produtos, sempre lle sae mellor a ela.

Un truco na cociña para que o peixe sexa un éxito?

Non esquecelo e prestarlle atención. 

Na túa profesión tanto como modelo como nos medios, o físico é algo que obviamente xoga un papel importante. Cal é o teu hábito alimenticio indispensable?

A pesar de non seguir ningunha dieta nin adestramento específico, si é certo que me gusta comer de forma saudable. Procuro non comer nada que conteña azucre nin graxas hidroxenadas e manter unha dieta equilibrada con moito peixe, sobre todo salmón e dourada -que me encantan- e tamén verdura e froita.

A mellor comida do día para ti é…

O almorzo. Hai veces que me deito e xa estou desexando espertar para almorzar.

Peixe , carne, verduras, marisco ou sobremesa: cal é a parte favorita do xantar de David

Non podería escoller un, é unha elección complexa. O importante é manter unha alimentación equilibrada con moito peixe, moita verdura e moita froita. Dende neno inculcáronme a importancia de comer de todo e estoulle moi agradecido á miña familia por iso.

O test rápido:
Un capricho na cociña.

Cantar ou escoitar música mentres cociño.

Modelaxe, música, actuar ou cociñar?

Actuar, é o que me move. A música, ao igual que a modelaxe, son dúas afeccións moi grandes, pero delas elixiría a música, porque paso o día cantando e, así, podo cantar mentres cociño.

Cociñar ou comer?

Comer, sen dúbida.

A túa mellor obra culinaria?

Troita asalmoada ao forno.

O máis sorprendente da cociña?

Argallar receitas improvisadas e que sexan sabedoras.

Un reto na cociña?
Aprender as receitas de miña nai.

Un reto persoal?

Continuar dedicándome ao que me gusta e seguir formándome e aprendendo.

O próximo reto profesional? 

Non podo dar ningunha pista, pero podo adiantar que se aveciñan moi boas noticias cheas de moitas sorpresas.