Achegamos algunhas das contas nas que vemos as imaxes máis curiosas, seguidas e interesantes que podemos atopar no territorio foodie galego.
Aquí temos de todo: aprendices e expertos que comparten a súa paixón polas artes culinarias. Ser un ou unha foodie non é para calquera. Deberás xuntar un gran número de calidades:
- Imaxe
- Alimentación
- Saúde
- Creatividade
- Innovación
- Xantar caseiro
- Pratos rápidos
- Comidas modernas
- Receitas para lucirse
A equipa de investigación de Vai de peixe, como se fose o mesmo CSI, mergullouse neste mundo por ti e atopou seis contas que nos dan pistas para converter os nosos pratos nos máis desexados e que, ao mesmo tempo, permitirán que os nosos coñecementos en gastronomía sexan a envexa de todos.
Estas son as nosas ideas, pero agardamos as vosas. Quen sabe? Ao mellor vós mesmos sodes os que asinades esa conta nas redes sociais que todo foodie debe seguir.
Como adianto e idea achegamos estas referencias a ter en conta para lograr unha variada visión sobre o marabilloso mundo da gastronomía. Velaquí claves para converter o teu bandullo e a mesa nunha gran festa para compartires cos teus convidados.
Para entender que se di cando falamos de comida, atopamos a conta de @media_laranxa, un completo dicionario de comidas e ingredientes. Se navegas polos seus post verás imaxes que achegan receitas para triunfar, ao tempo que amplías e melloras o teu vocabulario gastronómico. Amosa unha estética didáctica, coidada e divertida, con imaxes e debuxos que ilustran o xantar con indicacións sobre como preparar cada prato.
E se es dos que queres ser un erudito en celebracións gastronómicas galegas, @thefoodiesearcher é un dos nomes a ter en conta. A súa é unha selección de imaxes que percorren toda Galicia e que nos achegan as historias máis coñecidas e descoñecidas da nosa cultura gastronómica. Aquí darás cun recordatorio dos ingredientes de tempada, das festas do momento, e tamén podes atopar receitas que recrear nos teus fogóns. Anímaste a viaxar pola comida da rede?
Tamén temos espazo para falar de comidas sas: @foodtropia, cun amplo receitario con todos os pratos que poidas imaxinar. Só tes que ir ao mercado polos alimentos que che indica e seguir todos os seus pasos para ser o rei ou a raíña da cociña triunfando cunha dourada guisada, un rodaballo ao forno ou pratos de arroz ou pasta con mariscos. A protagonista desta conta de Instagram pasou do Dereito a formarse na escola Le Cordon Bleu. E non só fala de peixes xa que tamén o fai de carnes, petiscos e larpeiradas.
@derechupete achega as comidas galegas de sempre mesturadas con receitas de outras rexións de España, unha visión aínda máis ampla que nos axudará a completar o noso receitario virtual e que achega a todos os estómagos as mellores ideas para presentar no prato.
Pero aínda non rematan aquí os nosos descubrimentos. @guisandomelavida ten entre os seus pratos o peixe como protagonista, en todas as súas modalidades e para todos os petos. Descubre cal é a que máis se achega a ti.
Hora do postre!! A de @bake_alvaro é unha conta na que atopar as mellores propostas para sorprender cun bo postre. Este perfil pertence a un galego graduado en Le Cordon Bleu e na súa conta fai un percorrido polas súas creacións máis larpeiras. Este instagramer galego é un dos máis seguidos porque sempre está á procura de ideas para presentar a sobremesa máis exitosa.
E para ti, que conta é imprescindible para ser o foodie máis experto?
