
Caldos e sopas
Para un caldo máis básico, precisarás restos de peixe, como cabezas ou espiñas. Outras ideas de sopas máis elaboradas poden ser con pescada, peixe sapo ou robaliza. Partindo sempre dun fondo de verduras, que sofritirás previamente, agregas as pezas de peixe, removes e engades auga abundante. E a partir de aquí, podes personalizala todo canto queiras: pirixel, chícharos, viño branco...
Con que acompañalo: Por si sos son un estupendo primeiro prato.
Consello Vai de peixe: Intenta facer sempre de máis. O que sobre, fíltrao e gárdao para futuras receitas. Lembra: o caldo de peixe será o fondo de armario do teu conxelador.
Rebozado
Cando teñas o teu peixe limpo, sen pel e sen espiñas, córtao en pequenas tiras. Unha a unha, enfaríñaas, pásaas por ovo batido e fríteas en abundante aceite. Sirve inmediatamente para que non perdan ese punto crocante que caracteriza ao peixe rebozado. Non era tan complicado, non?
Con que acompañalo: Unha guarnición fresca, como unha sopa de tomate fría ou uns espárragos aliñados con vinagre e coandro.
Consello Vai de peixe: Asegúrate de que as pezas que vaias rebozar estean ben secas.
Mariñado
Esta técnica consiste en poñer o peixe a remollo, para conservalo máis tempo, pero tamén para aportarlle sabor. Case podemos dicir que hai tantas receitas de mariñada como cociñeiros existen no mundo, pero apunta estes básicos: aceite, un ingrediente ácido, un ingrediente doce, sal e especias ao gusto. Por exemplo, aceite de oliva, zume de limón, cebola doce, salsa de soia, xenxibre e aneto.
Con que acompáñalo: Verduras grelladas ou unha ensalada de diferentes leitugas.
Consello Vai de peixe: Lembra facer unha cantidade de mariñada suficiente como para somerxer completamente as túas pezas de peixe.