TikTok
Os foodies e a alimentación saudable, entre as tendencias e a innovación culinaria dos millennial

INNOVACIÓN CULINARIA

“Endexamais comerás algo sen antes compartilo cos teus seguidores en redes sociais”, decálogo dun “verdadeiro foodie”

O hashtag #foodie está presente en preto de 112 millóns de publicacións en Instagram, o que o convirte en moito máis que unha etiqueta, trátase de todo un movemento ao redor da paixón pola cociña e da afección á comida. Os novos influencers da gastronomía semellan atoparse entre a poboación millennial, auténticos revolucionarios do bo comer e, sobre todo, números un á hora de compartir nas súas redes sociais -virtuais, enténdese- os seus pasos diante dos fogóns e, aínda máis, o empratado de receitas 2.0.

Paul Levy, Mat Sloan e Ann Barr son os artífices do termo foodie que tanto éxito parece ter nas redes. Afeccionados á gastronomía, creárono en 1984 e plasmárono en The Official Foodie Handbook. Máis de tres décadas despois, son moitos os portais online que recollen consellos e todo tipo de detalles dirixidos ao que en galego poderían denominarse “cocinillas”. Así, por exemplo, Foodie and Traveler, El Independiente, Gastro Economy ou Directo al Paladar publican  decálogos dirixidos a verdadeiros foodies:

  • Debes ser apaixonado da comida, o que significa que estás disposto a comer e probalo todo.
  • Aprenderás a cociñar, vital para todo foodie.
  • Terás amigos que compartan a túa mesma paixón.
  • Serás un dos primeiros en coñecer os novos lugares de comida, food truck, eventos gastronómicos, tendas de comestibles, coffee shop e mercados.
  • Organizarás encontros con amigos afíns para cociñar e preparar novas receitas.
  • Aprenderás a consumir produtos locais e, por suposto, apreciarás o valor das receitas feitas na casa con ese sabor auténtico que nos lembra ás nosas avoas.
  • Serás sociable, aprenderás a ser tecnolóxico e, por riba de todo, endexamais comerás algo sen antes compartilo cos teus seguidores en redes sociais.

Sen dúbida, os bautizados coma foodies están ao día en tendencias e son os primeiros en poñer en práctica a innovación culinaria. O Observatorio de Healthia Certification apunta aos alimentos saudables e sostibles entre as tendencias gastronómicas do momento, destacando tanto o consumo de máis vexetais coma de peixe e afondando, ao mesmo tempo, na importancia do produto de proximidade e da cociña de aproveitamento (trashcooking, que vén a dicir que “nada se tira”). E é que outra tendencia no eido dos millennials e foodies é, sen dúbida, o respecto polo medio ambiente a través do consumo de produtos km 0