Cociña dixital, o novo caderno de receitas dos millennial

COCIÑA DIXITAL

“Ideas para ceas” e “as mellores receitas” son as principais procuras do eido culinario rexistradas en Google e YouTube

Unha das tendencias culinarias por excelencia entre os millennials é, sen dúbida, a cociña dixital. Lonxe quedaron as receitas plasmadas en cadernos familiares ou os consellos interxeracionais. Hoxe en día, os dispositivos móbiles conectados á Rede teñen tanta presencia nas cociñas como o sal, as tixolas e a culler.

Segundo un estudo de Google (2015), en colaboración con Mcgarrybowen e Kraft Foods, preto do 60% da poboación millennial cociña co seu teléfono intelixente na man. Tal e como detalla o informe da empresa especializada en food marketing Gastromedia sobre Hábitos dixitais dos españois na alimentación, so un 2,5% recoñece recorrer a familiares para informarse sobre alimentación; de feito, na contorna dixital, o 52% dos consumidores infórmase a través de blogs e o 39% restante, visualiza titoriais en Youtube para dar forma aos seus pratos.

Pero o eido dixital non so ofrece receitas á mocidade, tamén serve como escaparate de resultados culinarios e incluso goza dun papel protagonista na trazabilidade: onde comprar, que comprar, como preparar o produto e, incluso, como degustalo.

Dúbidas online

“Ideas para ceas”, “receitas saudables” ou “temperatura do forno para preparar polo asado” son, segundo as principais plataformas de seguimento de procuras en Google, as principais preguntas que recibe o buscador no ámbito culinario. É máis, segundo Google Survey, Kraft y Mcgarrybowen en Cooking Trends Among Millennials (2015), o incremento anual de procura de “as mellores receitas” en YouTube acadaba, hai tres anos, o 48%. “Como cociñar algo” é unha das dez buscas máis frecuentes nesta canle, por detrás de “como debuxar”, “como bicar” e “como facer un no de gravata”.