TikTok
Navia Rivas de Castro gaña o concurso VAIDELETRAS

Navia Rivas de Castro gaña o concurso VAIDELETRAS

Navia Rivas de Castro (Boimorto, 1992) é a gañadora do concurso VAIDELETRAS, organizado pola Consellería do Mar dentro da campaña VAIDEPEIXE, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e coa Secrataría Xeral de Política Lingüística. O xurado reuniuse na tarde deste xoves 4 de xuño e decidiu premiar o relato curto de Navia entre os máis de 200 textos recibidos.

Xurado concurso VAIDELETRAS

O xurado valorou a capacidade para poder condensar en 150 palabras (máximo permitido) unha historia ben estruturada na que se destacan os traballos ligados á pesca e ao mar, con gran calidade lingüística e no que se retrata a evolución vital da protagonista cunha invitación a ollar a vida con optimismo.

O premio para a gañadora consiste nun pack de libros (5 títulos da literatura galega actual) e un teléfono móbil.

O xurado do concurso VAIDELETRAS estivo composto pola conselleira do Mar, Rosa Quintana; Pastora Charlín, xefa do gabinete de comunicación da Consellería do Mar; Cristina Pichel Toimil, directora xeral de Xuventude; e Beatriz García Turnes, Lingüista Investigadora do Centro Ramón Piñeiro.

Navia Rivas de Castro

A continuación, compartimos o relato gañador:

Queremos a vida coma o peixe, sen espiñas, pero Aira sabía ben que nada funciona así. Desde pequeniña observaba atentamente a súa nai limpar peixe durante horas na praza para os clientes. Aira era imposible de enganar. Sabía que, se o peixe non ten espiñas, é porque alguén traballou arreo para quitarllas.

E na vida, tamén. Para saber erguerse, hai que saber caer. Para saber rir, tamén hai que saber chorar. Para perseguir un soño, hai que soñar moi alto e escalar, non renderse ante as pedras do camiño. Aira sabíao ben, aprendeuno da súa nai.

Nunca mirou atrás. "A vida leva espiñas", pensaba. Cando a xulgaban por ser diferente, pensaba: "Espiñas". Cando cometía un erro, pensaba: "Espiñas".

Hoxe Aira sorrí e pensa: "A vida? Eu quéroa como quero o mar: inmenso."