TikTok
Patricia F. Santana: “Toléame o peixe cocido e quérome reencarnar en Beyoncé”

Patricia F. Santana

Flamante presentadora do Luar. Como chega Patricia F. Santana ata aquí?
Dun xeito bastante curioso porque presenteime a un casting para ser presentadora e nesa ocasión non resultei elixida pero a raíz dese casting xurdiume outra oportunidade para traballar na televisión. Aí entrei en contacto co mundo televisivo a través de diferentes proxectos. Tempo despois volvín facer proba para presentar o Luar e ben, vou polo terceiro ano. 

Agora que o coñeces de preto: podes confirmar que Gayoso é un dos Inmortais? 
Si, confírmoo. É máis, diría que conforme pasa o tempo vai cara atrás, faise máis novo. Eu pregunteille cal era o seu segredo para manterse así: está en forma, ten unha cara estupenda... non sei. Debe ser que lle fai ben o aire do mar aberto da Coruña pero si, é un dos Inmortais. 

Como é traballar cunha figura con semellante traxectoria?
Traballar con el? A primeira vez que saín ao escenario tremía coma un xunco. Claro, eu medrei vendo a Gayoso (venres e incluso os domingos repetido) e de súpeto, veste alí, nos minutos previos a que te presenten, din o teu nome, saes ao escenario e pensas “meu deus, estou aquí no Luar, que presión, cun dos mellores comunicadores da televisión ao carón”. Tremía. Non me lembro dos primeiros minutos para nada. Só sei que de súpeto estaba bailando coa orquestra e un intre despois xa rematara o programa. Ese día ao chegar a casa foi como “buf! Que pasou hoxe?”. 

Dito todo isto, traballar con Gayoso é unha marabilla. Recíbete como na súa casa e ponche as cousas moi fáciles. Desde o minuto un, tanto el coma o equipo do programa fante sentir integrada, nunca tes a sensación de ser “a nova”. Con el é moi fácil traballar e agora xa hai unha conexión que nos permite entendernos case sen falar. En gran parte isto lográmolo por el, porque é unha persoa honesta, sinxela e sobre todo un gran profesional. 

Tamén está Rocío, compañeira como presentadora, que é unha todoterreo e fai o ambiente inmellorable. Bailamos, rimos e pasámolo moi ben traballando. 

Algunha anécdota? 
Moitísimas cousas... Quizais o primeiro ataque de risa destes que me pegan e non podo parar de rir. Veume porque Gayoso tropezou no escenario e eu vino moi de preto e xa non puiden conter a risa. Estiven como media hora chorando da risa. O gracioso foi días despois, cando miña avoa me dixo que estaba toda preocupada porque pensaba que me ían botar do Luar por rirme de Gayoso. “Mira, vén eiquí que che vou dicir unha cousa: non te podes rir así do Gayoso que te han botar”, díxome. Total, que podería contarche mil anécdotas. É o fermoso dun programa en directo coma o Luar. 

Sempre tiveches claro que querías facer tele?
Sempre me gustou. A cámara sempre me encantou. Tamén apreciei moito a radio, que descubrín por dentro na facultade de Xornalismo con aqueles formatos tolos que nos deixaban facer e tamén fixen prácticas na Radio Galega. 

Saquei moito daquela etapa pero a tele ten algo especial, non sei que é, que a min sempre me tirou un pouquiño máis. Creo que ten esa maxia de saber que estás conectando con moitísima xente, ou de estar arrodeada de público cando traballas nun plató, de coñecer moita xente e vivir experiencias incribles cando fas reportaxes de rúa. Sempre me gustou a tele e agora que xa probei un pouco de todo nisto do xornalismo, aínda me gusta máis (e que dure).

Con que programa comezaches na televisión? 
Comecei con Verbenalia perseguindo orquestras durante o verán -xunto con Rodrigo Vázquez e Eva Iglesias-, tamén traballei en guión en diferentes proxectos, estiven no Ti verás e en máis programas de verán -orquestras, festas tradicionais-. 

Tiraches moito polo entretemento.
Levada un pouco polas oportunidades que foron xurdindo. Tamén estiven como redactora no Telexornal e encántame esa vertente digamos máis seria, pero si que é certo que o camiño me está levando polo lado do entretemento e estou aproveitando. 

Un traballo do que teñas moi boas lembranzas ou un especial cariño?
Os programas de verán. Déronme a oportunidade de coñecer múltiples festas e de facer algo que me encanta: falar coa xente. Os festeiros, as polbeiras... puiden coñecer moita xente diferente e de todas as idades, coas que aprendín unha morea de cousas chulas. Ademais, grazas a traballar neses programas puiden percorrer toda Galicia, algo que me encantou. Tiven a sorte de poder divertirme traballando. 

Moita festa gastronómica?
Fun a unhas cantas, aínda que eu estaba máis enfocada á parte de tradición e de festa. Lembro cando fun á romaría da Virxe da Franqueira. Alucinei con aquilo. Pero o bo comer nunca faltou. 

Máis alá da evidente parte negativa: que aprendizaxe fixeches do 2020?

Dinme conta de que necesitabamos parar. Estabamos moi acostumados a correr, a non parar... e niso perdiamos as pequenas cousas importantes como estar coa xente, darte conta do que podes botar en falta dar unha aperta ou un beixo, a simple compañía. 

Si, hai que traballar, hai que gañar diñeiro, pero hai que ir con calma e gozar cada día do que nos ofrece e, sobre todo, moi importante: onde non hai problema non se pode buscar. 

Máis alá do xornalismo, que outras paixóns tes?
O rural! Amo o rural! Este ano conseguín ademais unha casiña na miña Paradiña. Agora xa a teño e gozo dela. Estouna remodelando, empezarei coa horta... E despois a música. Vou a pandeireta, a canto e a baile tradicional. Gústame moitísimo. Botamos en falta poder ir actuar por aí de cando en vez, pero hai que estar positivas. Pronto volveremos! 

Temos aquí unha agrotradinstagramer en potencia?

(Risas) Podería ser unha boa definición. É que ademais gústanme moitísimo os traballos do rural: sachar a horta, plantar patacas, cortar a leña... non dou porque non teño forza (risas). Estou practicando coa motoserra pero son moi despistada (non se fían de min). 

Que significa para ti Paradiña?
É a miña vida. Necesito ir, ver a montaña. É onde aprendín todo, en gran parte grazas aos meus avós. Aprendín a valorar a familia, respectar o veciño. Creo que é a sorte que temos os que somos de aldea: tes a túa familia e os veciños, que son como da propia. Hoxe fáltanme os avós, pero teño todo iso que me transmitiron e estou feliz de poder seguir aquí e continuar coa saga. Aquí son feliz. 

E como persoa moza independente: como te apañas cociñando?
(Risas) Podemos dicir que medio ben. Teño sorte que miña nai dálle moi ben á cociña e entón ensíname moito nese aspecto. No día a día confeso que son moi preguiceira para poñerme a cociñar. Pero sempre que nos xuntamos en familia, son a mellor pinche que pode haber no mundo. É aí cando vou aprendendo esas receitas de toda a vida e outras máis innovadoras. Grazas a iso podo dicir que son unha cociñeira de nivel medio-alto. 

Imos meter o noso tema estrela: que tal nos levamos co peixe?
Mínimo dous días á semana como peixe. Gústame moito ao forno, pero devezo polo peixe cocido. É sinxelo de facer. O salmón cocido cunhas pataquiñas cocidas, unhas verduriña e un chorriño de limón... buf! Como coma unha raíña. A xente mírame raro cando digo isto. 

Ultimamente afeccioneime moito ós pinchos de peixe á prancha, con verduriñas, queixiño... estou abrindo o abanico de posibilidades, innovando. 

Ultimamente están de moda nas redes sociais os #foodhacks. Algún truco de cociña que queiras compartir?
A base para calquera receita de peixe é un bo chorro de viño branco e nunca nunca te esquezas dun limón. Palabra de miña nai. 

Imos cun minitest...

Unha lista de Spotify
Teño a lista máis trapalleira do mundo. Tanto che pode aparecer o Combo Dominicano como unha balada de Bruno Mars como unha muiñeira. De feito, a xente alucina cando vén comigo no coche e dinme: “Tu levas no coche Luar”. 

Unha serie coa que esteas flipando
Os Peaky Blinders. Xa sei que todo o mundo a viu pero gústame tanto a estética. Estou enganchadísima. 

Un lugar para ir co móbil apagado
A montaña. Calquera lugar de montaña (Paradiña, por exemplo). Encántame ir pasear e esquecerme do móbil. 

Unha viaxe pendente
Quero coñecer Irlanda. Chámame moito e teño gana de ir. No momento en que esta situación mellore, irei. 

Un restaurante ao que lle teñas gana
Teño varios pendentes. Hai un restaurante que se chama Rocamar, en Baiona. É impresionante porque estás comendo produtos do mar ao lado do mar, vendo romper as ondas case ao lado da fiestra. Produto de calidade e unhas vistas espectaculares. Incrible. 

Alguén a quen admires na túa profesión
A moita xente pero (sen peloteo) teño que dicir Gayoso. Trinta anos de traxectoria e sobe ao escenario coa mesma enerxía que o primeiro día. Ademais coida moitísimo ao público, que é a quen nos debemos. 

Un famoso que che gustaría coñecer
Encántame Beyoncé, estou namorada desa muller. Se existe a reencarnación quero reencarnarme nela. Beyoncé, se me les e me queres convidar ao teu seguinte espectáculo, vouche de bailarina encantada. 
(estamos seguros de que Beyoncé stalkea as receitas de VAIDEPEIXE)

Un pracer culpable
OMG! As larpeiradas. Comer chocolate é o pracer máis inmenso e máis culpable. Pero mira, tal e como vai o mundo que máis dá. Comede chocolate o que vos dea a gana (risas). 

Polbo á grella ou á feira
Á feira. Non teño dúbidas. A grella encántame. Pero o polbo á feira na propia feira, mesa corrida, pan no aceite... o que presta iso non está pagado. E bótase moito esa tradición. Que volva pronto!