#vaide(s)propósitos: as nosas propostas para resetear no 2021

Digámolo con claridade: 2020 deu moito noxo!

Vaidepeixe

E aínda que grazas ao noso espírito #vaidepeixelifestyle soubemos sacarlle bos momentos, a verdade é que queremos acabar xa con este ano. #DEUSVAIACONEL (cancelo de necesaria incorporación en  TikTok). 

Volvendo ao tema. Desde #VAIDEPEIXE pensamos que unha boa forma de facer a lista de bos propósitos para o novo ano sería incluír tres puntos nada novos, pero moi necesarios: coidarse máis, alimentarse mellor e defenderse (a secas) entre fogóns. Que non se diga que fai falta un confinamento domiciliario de máis de dous meses para facer polo menos dez flexións ou para descubrir que a cociña é un espazo funcional do noso fogar.  

Para axudarnos na tarefa de mellorar as vosas habilidades culinarias recorremos á sabedoría de quen se mete a diario entre fogóns para elaborar centos de pratos para os comensais máis esixentes: todos nós!

Por iso pechamos o ano falando coa cociñeira do comedor do CPI Atios (Valdoviño, Ferrol), Victoria dos Ángeles Moreira. Vitoria encárgase de elaborar menús para unha extensa franxa de idade (desde os 3 ata os 16 anos). Receitas sinxelas, organización do calendario de comidas… ela axudaranos a converter en orde nosa/vosa (o de todos) caos alimenticio e así, por unha vez na vida, cumprir o 10% dos propósitos de ano novo.

Empezamos un novo ano: que debemos implementar nas nosas cociñas e alimentación?
Hai que apostar polas elaboracións á prancha, ao vapor, fervidos, tratando de apartar fritos e  rebozados. Como recomendación nos propósitos: unir de forma indivisible a cociña sa con actividade física. 

Traballas cos máis pequenos e moitos deles xa teñen bos hábitos, pero algúns temos que mellorar este aspecto. Agora que imos por un novo ano, estamos a tempo de educar o padal e mellorar a alimentación?
Sempre se está a tempo. Axuda a planificación dun menú variado, con sabores e texturas distintas, aos poucos pódese conseguir.

Que se ten en conta na elaboración dos menús?
Para os centros educativos téñense en conta factores chave, que é interesante trasladar ás nosas cociñas, como incluír: grupos de alimentos, variar para converter o prato en atractivo, introducir novos alimentos e, por suposto, froitas e verduras de tempada. 

Se se pode usar o produto fresco é mellor, pero ás veces por prezo pódese usar o ultra-conxelado que non ten por que restar calidade e garantimos un consumo de produtos variado. 

Estes pasos seguímolos no centro educativo, no que ademais apostamos por involucrar a todos os comensais desde o principio. 

No Atios por exemplo impulsamos os "Venres gastronómicos". Neles implicamos a todo o mundo para que propoña que pratos queren comer. Ás mesas dos nenos e nenas chegaron, por exemplo, pratos inspirados en películas ou cómics. Do mesmo xeito cada un pode trasladar á súa casa noso proxecto "Olimpíadas gastronómicas", nas que se trata de superarse na cociña adaptando e interpretando pratos de restaurantes estrela Michelin. Isto fíxose coa axuda de referentes da cociña galega como Pepe Vieira, Javier Oleiros ou Pepe  Solla. 

Que pratos con peixe son un éxito seguro nas mesas?
Desde a miña experiencia e observando aos meus comensais o salmón á prancha ou a pescada, así como bacallau ao pilpil, e a sopa de peixe. O marmitako (véxase proposta de receita) tamén é un éxito na cociña. 

Nota #VAIDEPEIXE: receitas #apuntapala nesta sección

Mellorar os menús é caro?
Non ten porque selo, se se escollen alimentos de tempada e se aproveita o produto, xa que o prezo e a calidade é óptima. O peixe é un claro exemplo xa que a pinza de prezos é en grao sumo ampla -desde os azuis (xurelos ou sardiñas) aos brancos (pescada, rape ou robaliza)-. 

Pero tamén podemos pensar en mariscos como os mexillóns, nécoras ou centolas. Agora que estamos en tempada poden estar presentes nas nosas mesas sen ser un buraco para as nosas carteiras. 

E se queremos empezar o 2021 con novas formulacións sobre o peixe?
Non ten por que ser caro, polo que dicía antes. Nin difícil de preparar, deixa que che axude o profesional da peixaría preparándoche as pezas listas para cociñar. Se o tentas colleraslle o punto á cociña e o gusto ao produto. Se che sobra non te preocupes que se conxela sen problema, tanto en cru como cociñado (preferiblemente con salsa) e se non sempre podes lanzarte a preparalo en escabeche ou facer conserva. 

Tes múltiples opcións para preparar o produto e conservalo sen que perda valores nutricionais, vitaminas, ou ácidos graxos insaturados. De paso gañas pratos preparados sen gastar máis diñeiro. 

Ademais pódese aproveitar para facer croquetas, sopas,  lasañas, pasteis.... do peixe aprovéitase todo!

As elaboracións máis comúns?
No caso do peixe o normal e o que adoita ser un éxito é preparalos á prancha ou á galega (fervidos e cunha  allada de pemento para darlle máis sabor). A outra opción é á romana.

Nota #VAIDEPEIXE: o forno é deus na terra.

Para aqueles que se escudan en que o peixe non ten sabor ou que non lles enche?
Entón podes acompañar os teus pratos con verduras á prancha ou ao vapor, con arroz branco, chícharos, patacas asadas,  guisadas ou panadeiras, purés, queixos, ensaladas,  pisto... case todo o que a túa mente poida imaxinar pódese converter en guarnición. 

Ás veces só é abrir a despensa ou a neveira e crear. 

Nota #VAIDEPEIXE:  fliparse na cociña é unha maneira excelente para aprender e mellorar.

Imos terminando... pedímoslle a Vitoria as súas principais recomendacións para lograr que en 2021 as nosas cociñas sexan o punto de partida para uns pratos máis sans.  
Á cociña sempre hai que poñerlle interese ademais de ter unhas nocións básicas. Deste xeito pódese empezar a probar novos alimentos máis saudables e combinalos entre eles. É importante usar produtos frescos, de tempada, usar sempre aceite de oliva virxe extra, que se pode  aromatizar con distintas herbas ou especias. Estas tamén se poden usar para aderezar os alimentos, o que nos axudará a empregar menos cantidade de sal, que debería ser sempre  iodada. 

Os métodos de cociñado deben ser variados: forno, ferro,  salteado,  vapor,  wok... Débese limitar o consumo de carnes vermellas -o coello e o pavo son moi sans e non se usan demasiado-. Tamén se deben limitar os produtos elaborados como salsas e sopas, así como os azucres e as fariñas refinadas. Pódense substituír por mel e fariñas integrais, por exemplo. Tamén se deben limitar as  frituras e aumentar o consumo de legumes.