Tostas de sardiñas especiadas
"Polo San Xoán, a sardiña molla o pan”, que di o refrán. Velaquí che traemos unha proposta de receita que de seguro non te deixará indiferente.
Ingredientes (para 2)
- 6 sardiñas (limpas e abertas en libro na peixaría)
- 1 berenxena
- Pan de millo (ou outro calquera)
- Vinagre de mazá ou zume de limón
- Media culleriña de sal
- Media culleriña de cúrcuma
- Media culleriña de comiño
- Unhas areas de pementa
- Auga
- Aceite de oliva virxe extra
Modo de preparación
- Lavamos con coidado as sardiñas. Como xa che comentamos, pide que chas limpen na peixaría. A preparación vaiche ser máis sinxela así.
- Nun recipiente fondo poñemos medio vasiño de auga, algo menos de medio vaso de vinagre de mazá e as especias. Metemos as sardiñas e deixamos macerar máis ou menos dúas horas.
- Prequentamos o forno e nunha bandexa poñemos a berenxena cortada en láminas dun centímetro. Cubrimos cun pouco aceite. Metemos no forno.
- Aos 5 minutos engadimos á bandexa as sardiñas. Metémola bandexa de volta no forno uns 10 minutos. Non máis.
- Tostamos o pan e montamos as tostas con berenxena e sardiñas.
E xa estaría listo! Agora só queda gozar deste riquísimo prato! Como o ves? Atréveste coa nosa proposta? Sube as fotos ao teu Instagram e etiquétanos!