TikTok
XURELO CON FALSO ARROZ DE COLIFLOR

Xurelo

Cando o que se busca é un receita lixeiriña o peixe é sempre unha das mellores opcións. Nós seguimos coa nosa filosofía “faino sinxelo” e traémosvos unha receita da man de @cabezadeallo (non esquezades seguir esta conta en Instagram). Imos coa receita?

INGREDIENTES (para 1 persoa)

  • 2 xurelos pequenos
  • 200 g de coliflor
  • Medio pemento vermello
  • Media cebola
  • Un pouco de zume de limón
  • Sal
  • Unha culleriña de albáfega
  • Unha culleriña de allo en po
  • Pementa
  • Salsa de soia (opcional)
  • Aceite de oliva virxe extra

MODO DE PREPARACIÓN

  1. Preparamos os ingredientes para o arroz de coliflor: picamos a cebola, o pemento e trituramos / relamos a coliflor ata conseguir a aparencia de arroz.
  2. Rustrimos nunha tixola a cebola cun pouco aceite e sal. Cando estea dourada (un 3 minutos), engadimos o pemento.
  3. Mentres tanto engadimos as especias á coliflor e mesturamos ben (allo, albáfega, sal e pementa).
  4. Incorporamos á tixola a lume baixo durante uns 6 minutos. Cando xa estamos rematando engadimos un chisco de salsa de soia (opcional).
  5. Mentres se fai a coliflor, xa podemos ir facendo á prancha o xurelo. Podes pedir na peixaría que cho preparen para a prancha, aberto sen cabeza. Poñemos un pouquiño aceite, esperamos a que a prancha estea quente e poñemos o peixe (primeiro coa pel sobre a prancha) cunhas areas de sal e un pouco de zume de limón. Facemos durante uns 6 minutos e damos volta. Esperamos uns 3 ou 4 minutos e listo.
  6. Servimos o peixe co falso arroz de coliflor.