Que beneficios ten o consumo dos produtos do mar?

BENEFICIOS CONSUMO PRODUTOS DO MAR

Ademais de coidar a nosa saúde, elixir peixes e mariscos na nosa dieta contribúe ao desenvolvemento económico e ao coidado do planeta

A diversidade de especies de peixe e marisco que está á nosa disposición nos puntos de venda permítenos seguir unha dieta variada e equilibrada. Tendo en conta as tempadas e os momentos óptimos de consumo de cada unha delas, podemos desfrutar ao longo do ano de produtos con sabores moi diferentes, que ademais permiten infinidade de preparacións. Pero máis alá de evitar que a hora de comer sexa aburrida porque repetimos sempre as mesmas receitas, o consumo dos produtos procedentes da pesca e a acuicultura ten más beneficios. 

Nivel social: axuda ao desenvolvemento económico

No II Foro dos Océanos, celebrado en Xenebra (Suíza) no ano 2018, Cepesca puxo de exemplo a Galicia para explicar o impacto que a pesca ten na sociedade e economía española. Para iso, este organismo tomou como referencia un informe elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela onde se indica que, na nosa comunidade, a pesca supón un 79% da actividade económica. A nivel mundial, tamén xoga un papel importante, posto que, segundo datos da FAO, estímase que 43,5 millóns de persoas teñen empregos relacionados coa pesca e a acuicultura.

Polo tanto, o consumo destes produtos, sempre sustentables e de proximidade, contribúe ao desenvolvemento económico daquelas áreas onde a poboación leva a cabo traballos relacionados co mar, nas que existen poucas probabilidades de atopar outro emprego. Para entender a súa importancia debemos ter en conta tamén que, ademais dos traballos directos, existen numerosas actividades económicas vinculadas, como a construción de embarcacións, a fabricación de redes, o procesamento dos produtos do mar ou o transporte. 

Nivel ambiental: unha das opcións máis sustentables

A pesca ten un menor impacto ambiental que outras actividades destinadas a conseguir produtos para o consumo humano. Un estudo desenvolvido polo departamento de Ciencias do Mar e Pesca da Universidade de Washington sitúa a súa pegada ambiental sobre os océanos no 4%, é dicir, un terzo da que ten a agricultura a nivel mundial. 

En canto á acuicultura, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación informou o pasado ano de que España lidera a produción acuícola na Unión Europea, de modo que axuda á sustentabilidade do medio mariño, posto que a pesca por si soa non é capaz de satisfacer a demanda de pescado. Ademais, indican que esta "pode axudar a reducir a presión nas poboacións de peixes salvaxes". En palabras de José Miguel Mulet, profesor de biotecnoloxía na Universidade Politécnica de Valencia, "as piscifactorías requiren menos recursos que unha granxa, porque os peixes son de sangue frío, é dicir, teñen menos necesidade metabólica e, por tanto, failles falta menos penso. Un mundo no que comésemos pescado en lugar de carne xa sería máis sustentable".

A conclusión está clara: o consumo dos produtos do mar axúdanos a avanzar no coidado do medio ambiente. 

Nivel persoal: coidando o noso corazón

A elección de produtos do mar reporta beneficios para a saúde dos consumidores, xa que o pescado aporta proteínas de grande calidade. Os peixes, en especial os azuis, son unha fonte de ácidos graxos poliinsaturados omega-3 que, tal e como afirmou a Fundación Española do Corazón, contribúen a manter uns niveis normais de colesterol e xogan un importante papel na prevención da aparición de enfermidades cardiovasculares. O corpo humano non é capaz de producir estes ácidos, polo que deben ser incorporados mediante a dieta.

Pola súa parte, os mariscos tamén contan cun grande valor nutricional. Son una fonte de proteínas, vitaminas e minerais, ademais de que son baixos en sodio e graxas saturadas.