Peixe e marisco de tempada para ser un foodie responsable

COÑECER AS VEDAS E OS MOMENTOS ÓPTIMOS DE CONSUMO AXUDARACHE A ELIXIR MELLOR

Peixe e marisco de tempada para ser un foodie responsable

Semella que hoxe en día todos os produtos alimenticios deben estar dispoñibles todos os días do ano. Pero tal e como as catro estacións son diferentes entre si, a nosa dieta debe ir variando para adaptarse a cada momento. Hai alimentos que están suxeitos a unha temporalidade, e resulta fundamental coñecer e respectar os seus tempos. Entre eles atópanse os produtos do mar, cuxa captura depende dunha estrita regulación para evitar a sobreexplotación e asegurar que poidamos seguilos desfrutando no futuro.

Profundemos un pouco máis... Sabes cales son as razóns polas que debes elixir sempre pescados e mariscos de tempada?

A primeira é a calidade. Que unha especie estea no seu momento óptimo de consumo significa que a súa carne é moi saborosa e a textura é idónea para que a prepares como máis che guste. 

Outra, fundamental, é a cuestión medioambiental. Os do mar, como todos os animais, teñen un ciclo biolóxico. Respectando os períodos de veda e as tallas mínimas e sabendo cando debemos mercalos, aseguramos unha correcta reprodución dos bancos de cada especie para que non se extingan. 

E, por último, está o prezo. Se elixes un pescado cando hai unha maior oferta dispoñible, asegurarás que o prezo que pagues polo mesmo sexa máis baixo. Ademais, os produtos de tempada proceden na súa grande maioría de portos próximos, polo que se aforran custes de desprazamento, o cal tamén repercute no prezo final.

Que podes comer cada mes?

Para coñecer cales son os pescados e mariscos máis habituais en Galicia, así como cando son as súas vedas e cal é o seu momento ideal para o consumo, tes á túa disposición a aplicación móbil “Non piques, non peques”, da Consellería do Mar. Descárgaa e terás sempre no teu peto información útil nas túas visitas á peixería. 

Agora que xa es case un experto en produtos de tempada, deixámosche unha proposta de produtos para cada mes segundo as recomendacións aprobadas para 2019.

Ben sexa en restaurantes ou na casa, que hai mellor que probar algo novo no seu momento óptimo de sabor?

  • Xaneiro: choco, ourizo, longueirón e boi
  • Febreiro: navalla, ostra e centola
  • Marzo: faneca, lirio, pescada, rei e serrán cabra
  • Abril: linguado, maragota, peixe sapo e serrán común
  • Maio: xurelo, bocarte, rapante e solla
  • Xuño: sardiña, congro, salmonete e xarda
  • Xullo: ollomol, lumbrigante e pancho bicudo
  • Agosto: rodaballo e sanmartiño
  • Setembro: nécora e bonito do norte
  • Outubro: ameixa babosa, ameixa fina, santiaguiño e berberecho
  • Novembro: ameixa rubia, ameixa xaponesa, dourada e robaliza
  • Decembro: cadelucha, vieira, raia e sargo