Que e por que comen son algunhas das preocupacións da poboación millennial, que no seu carácter -no da media, polo menos- está presente unha conciencia ecolóxica e o gusto polo consumo de produtos orgánicos e locais. De feito, segundo a organización Marine Stewardship Council (MSC), o 52% das persoas de entre 18 e 34 anos din preferir elixir pescado e mariscos “ecolóxicos, orgánicos, saudables e saborosos ao mesmo tempo”.
A denominada por MSC “conciencia ecolóxica dos millennial” pon sobre a mesa a realidade de que o benestar animal é unha preocupación crecente, especialmente para esta xeración, así como a preocupación pola sustentabilidade ambiental. Neste sentido, tal e como recorda a organización, a adquisición de produto local non so repercute positivamente no pequeno comercio, tamén reduce en gran medida os custos de transporte e as emisións.
Produto de proximidade no punto de mira
Precisamente co obxecto de promover o interese sobre os alimentos que se consumen, nomeadamente a súa procedencia, e o xeito en que as decisións alimentarias do consumidor afectan á súa contorna, naceu Slow Food, un movemento mundial que cada dous anos pon en marcha a feira internacional pola pesca sustentable Slow Fish e que involucra á poboación de máis de 160 países na consecución dunha alimentación boa, xusta e limpa.
A pesares de que a mocidade millennial considera “básico”, apunta MSC, consumir produto fresco, so un 37% faino a diario. O desperdicio é o principal argumento esgrimido para este baixo consumo, xa que o 39% alega que non merca máis porque “se perde na casa”.
Peixe bo, limpo e xusto
- É fresco
- Procede dunha pesca responsable
- Contribúe á sustentabilidade socioeconómica e ecolóxica do sector pesqueiro
- Procede de pesca artesanal
- É capturado con técnicas sustentables e respectuosas co medio mariño
- Respecta a talla mínima legal establecida
- Respecta o calendario de vedas e épocas de reprodución
- Contamina menos debido ás distancias curtas de transporte
- Emprega cadeas curtas de comercialización
