TikTok
Obxectivos millennial para un 2020 saudable

propositos saudables 2020

Substituír as guarnicións con hidratos por opcións máis lixeiras 

Tamara, 24 anos, estudante do grao en Xornalismo.

Si, aínda que che pareza incrible, hai vida máis alá das patacas fritidas. Non tes por que complicarte moito: se preparas bonito ao forno, coloca na mesma bandexa pemento e cenoria; coce os toros de pescada cunha presa de chícharos ou saltea un pouco de brócoli xunto coa túa ración de rape. As opcións son infinitas!

Consello Vai de peixe: Se andas escaso de ideas, podes comezar por esta estupenda xarda en papillota de verduras.

Aprender a comprar peixe fresco na peixería

Lorena, 19 anos, estudante do grao en Arquitectura.

O primeiro paso? Achégate ao teu mercado máis próximo e faite cun peixeiro de confianza. Non teñas medo e déixate aconsellar, poucas persoas saben máis de produtos do mar. Lembra sempre que por lei o peixe e marisco debe estar etiquetado e non esquezas que cada especie ten unha talla mínima. Respéctaas!

Consello Vai de peixe: Busca na etiqueta a procedencia do produto, darache unha idea do seu grao de frescura.

Comer máis variedade de peixe

César, 21 anos, estudante do ciclo formativo en Mecanizado.

Este propósito non podía faltar na nosa lista! Para cumprilo, recorda que cada especie ten un momento óptimo de consumo, que garante a súa calidade e o mellor sabor.

Consello Vai de peixe: Se tes dúbidas sobre que comer en cada época do ano, consulta a APP Non piques, non peques da Xunta de Galicia.

Facer deporte polo menos tres veces por semana 

Carlota, 22 anos, estudante do grao en Administración e Dirección de Empresas.

Apuntarse ao ximnasio en xaneiro, un clásico. Ou non tanto? Segundo os datos da Federación Nacional de Empresarios de Instalacións Deportivas (FNEID), o primeiro mes do ano só concentra o 10,3% do total de inscricións que se realizan durante o ano. Os datos do sector indican que hai meses que adoitan ser mellores, como setembro, outubro ou incluso febreiro.

Consello Vai de peixe: Se partes dun estilo de vida sedentario, marca obxectivos realistas e non te desanimes.