
Estás no certo, das latas de conserva. Bonito, mexillóns, calamares, sardiñas, xarda... Ao natural, en aceite de oliva ou con calquera tipo de mollo, coma o escabeche. Sabes de que estamos a falar? Estás no certo, das latas de conserva. Agora que xa temos claro que cociñar produtos do mar non é nin difícil nin caro, en Vai de peixe propuxémonos que cando penses en conservas de peixe e marisco vaias máis alá de engadir de cando en vez unha lata de atún a unha ensalada. Aquí che deixamos cinco deliciosas receitas coas que non pasarás máis de quince minutos na cociña. Prometido!
ENSALADA DE SARDIÑAS E ALCACHOFAS
INGREDIENTES
- 1 lata de sardiñas en aceite de oliva
- 1 lata de corazóns de alcachofa
- 1 cenoria
- Media cebola
- Media lata de apio raiado
COMO PREPARALO
Abre a lata de corazóns de alcachofa, córtaos pola metade e colócaos nun prato. Pela a cenoria e a cebola, córtaas á xuliana, mestúraas co apio e engádeas. Despois, abre a túa lata de sardiñas, escoa o aceite e ponas enteiras sobre as verduras. Por último, aliña ao teu gusto.
SALPICÓN DE BERBERECHOS E MEXILLÓNS
INGREDIENTES
- 1 lata de berberechos ao natural
- 1 lata de mexillóns ao natural
- Medio pemento verde
- Medio pemento vermello
- Media cebola morada
- Unha pataca
- Un ovo
- Aceite de oliva
- Vinagre
- Sal
COMO PREPARALO
En primeiro lugar, pon a cocer o ovo e a pataca. Mentres están ao lume, aproveita para facer a vinagreta deste salpicón, para a que terás que poñer nun vaso aceite, vinagre e sal, engadir os pementos e a cebola ben picados e remover ben cun garfo. Cando teñas todo listo, corta en anacos a pataca e o ovo, abre as latas cos mexillóns e os berberechos, mestura todo e régao coa vinagreta.
BOCADILLO DE VENTRECHA DE ATÚN
INGREDIENTES
- 1 lata de ventrecha de atún
- 1 pemento vermello
- 3 lascas de queixo
- Pan
- Aceite de oliva
COMO PREPARALO
Corta o pan á metade e o pemento en tiras e quéntaos un minuto nunha tixola. Coloca o pemento sobre unha das metades do pan, coloca o queixo enriba e por último, o atún. Engade un chorriño de aceite de oliva e tapa coa outra metade do pan.
LENTELLAS CON BONITO
INGREDIENTES
- 1 lata de bonito ao natural
- Medio bote de lentellas cocidas
- 1 ovo
- Media cebola
- 1 presa de tomates cereixa
- 1 presa de olivas negras
COMO PREPARALO
Mentres deixas o ovo a cocer, pica a cebola, os tomates cereixas e as olivas negras. Despois, escoe as lentellas e mestúraas coas verduras picadas. Cando o ovo estea cocido, pícao ben e mestúrao co bonito ben esmiuzado. Xúntao todo nun prato e, opcionalmente, remata con aceite de oliva e pirixel.
TORTILLA DE XARDA E SETAS
INGREDIENTES
- 1 lata de xarda en aceite de oliva
- Medio bote de setas variadas
- 2 ovos
- Media cebola
- Pirixel
COMO PREPARALO
Pica a cebola e rústrea nunha tixola. Escoe a xarda e as setas e engádeas á tixola. Bate os ovos, engádelles sal, pirixel e a mestura que tiñas no lume. Por último, quenta todo ben na mesma tixola que usaches antes.