
Hoxe celebramos o Día Mundial da Saúde, unha data que foi escollida en honra á fundación da Organización Mundial da Saúde e que nos recorda a importancia de crear conciencia sobre as enfermidades e fomentar hábitos saudables na poboación.
Por iso, en Vai de Peixe queremos convencerte de que non hai nada mellor que comezar a coidar a túa saúde mellorando a túa alimentación. Como? Por suposto, incorporando produtos do mar. Variados, saborosos e saudables! Non estás convencido? Aquí tes catro razóns para comezar hoxe mesmo:
1. Son unha gran fonte de vitamina D
Sabías que tomar o sol non é a única forma de adquirila? Coa túa dieta podes botar unha man ao teu corpo a obter esta vitamina que axuda a absorber o calcio e, en consecuencia, previr enfermidades como a osteoporose e o raquitismo.
2. Conteñen Omega-3
Salmón, sardiñas ou boqueróns son algunhas das especies que coidarán o teu corazón, grazas ao seu alto contido nestes ácidos graxos que axudan a previr enfermidades cardiovasculares e a diminuír altos niveis de colesterol e triglicéridos.
3. Son ricos en iodo
O iodo é esencial para un bo funcionamento das hormonas producidas pola glándula tiroides, que regulan o noso consumo de enerxía ou a temperatura do noso corpo. Como conseguilo? Un bo prato de mexillóns ou ameixas serán os teus mellores aliados.
4. Teñen un alto contido proteico
E non só iso, senón que estamos a falar de proteínas de alto valor biolóxico, xa que aportan aminoácidos esenciais que o teu corpo non pode fabricar por si mesmo. Cen gramos de practicamente calquera especie aportaranche preto da terceira parte das proteínas que precisas diariamente.