TikTok
Pequena introdución á acuicultura

Pequena introdución á acuicultura

A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) define a acuicultura como a cría de organismos acuáticos, termo que engloba peixes, moluscos, crustáceos e plantas. Na actualidade, a crecente demanda de produtos do mar é un desafío ao que é posible facer fronte grazas ao conxunto da produción acuícola e a pesqueira e estímase que ambas continúen da man, a lo menos, dúas décadas máis.

Tal e como indica o informe A Acuicultura en España. 2019, elaborado pola Asociación Empresarial de Acuicultura de España (APROMAR), Galicia atópase entre as cinco comunidades autónomas españolas con maior produción de peixes mariños cultivados, con 7.750 toneladas no ano 2018. En canto a moluscos, cuxa alimentación se basea no aproveitamento dos recursos naturais das augas, Galicia destaca como a principal rexión produtora non só de España, senón de Europa, grazas á produtividade natural das nosas rías.

Tras ler estes datos, seguramente veñan á túa cabeza imaxes tan frecuentes nas rías galegas como as das bateas de mexillóns. Pero se te acompañaramos na túa próxima visita á peixería, saberías dicirnos algunha especie de peixe procedente da acuicultura? Non? Entón, colle lapis e papel e anota estes tres exemplos!

  • Rodaballo: Galicia é a principal comunidade española na súa produción, cun 99% do cultivo. O 1% restante cultívase en Cantabria.
  • Linguado: En España, a cría deste peixe localízase en Galicia e Andalucía.
  • Ollomol: Sabías que Galicia é o único lugar de Europa onde se realiza cultivo desta especie?

Se tes algunha dúbida, lembra que no apartado “Época óptima de consumo” da APP “Non piques, non peques” atoparás máis detalles no caso de que a especie que esteas a consultar sexa parte da produción acuícola galega.