La Cocina de Frabisa: "Ninguén pode dicir que o peixe está caro porque hai para todos os petos"

Entrevista La Cocina de Fabrisa. VAIDEPEIXE

Hoxe entrevistamos a Isabel, autora de La Cocina de Frabisa, un blog onde nos demostra que comer rico e á vez saudable é moito máis fácil do que pensas. E de que falamos con ela? De peixe, por suposto! Isto é o que nos contou...

No teu blog propós menús semanais moi variados que inclúen bastantes pratos de peixe...

A verdade é que vivindo en Galicia, se non comes pescado, mal vamos. A min encántame cociñar e gústame animar aos máis novos a que cociñen máis. Preocúpame pasear polo supermercado e ver que cada vez hai máis pratos precociñados co bo produto fresco que temos aquí. Se non tes tempo, na fin de semana cociñas un pouco máis e conxelas, porque cociñar na casa é saúde.

En Galicia temos moita sorte porque hai unha enorme variedade enorme de peixes. E hai de todos os prezos. Ninguén pode dicir que o peixe está caro porque hai para todos os petos.

Cantas veces por semana comes peixe ou marisco?

Na miña casa comemos peixe máis ou menos catro días á semana. Eu ademais teño a sorte de que fronte á miña casa hai unha peixería na que ás sete e media da mañá xa están descargando o peixe, así que cando estou tomando o café, chamo, pregunto o que teñen, prepáranmo e antes de ir a traballar, recólloo e déixoo na neveira. Pero isto é un luxo que eu teño, é unha gran sorte. Pero de non ser así, aquí incluso nos supermercados hai unha grande oferta de peixe.

Na fin de semana cando teño máis tempo quizais fago unha caldeirada. Pero pola semana fago cousas máis rápidas: collo unha robaliza ou unha dourada e fágoa ao forno ou á prancha.

Que consello lle darías aos máis novos para que perdan o medo a ir á peixería?

Hoxe temos unha ferramenta moi importante que é internet. Podes entrar en internet e consultar como recoñecer o peixe fresco. Habitualmente a calquera sitio que vaias, o peixe estará fresco.

Eu creo que se teñen que acostumar a comprar nun sitio de confianza. Os que traballamos ás veces compramos onde vivimos e outras moitas veces, onde traballamos, porque ao saír, xa aproveitas que está aberto e paras a comprar preto do teu traballo. Hai que buscar un sitio de confianza e non pensar que vai ser complicado cociñalo despois. Complicadas son as ecuacións de segundo grao. No día a día, o peor que pode pasar é que un prato non che quede ben, e a cociña é ensaio e erro. Se hoxe algo non che queda ben, á seguinte vez posiblemente quede mellor, hai que insistir ata conseguilo.

O peixe para min ten unha clave e é non pasalo de cocción. É mellor que quede un chisco cru a que quede pasado, porque despois queda moi seco. Ao peixe hai que darlle apenas uns minutos, porque se fai moi rápido, ten unha carne moi brandiña.

Vimos que che gusta facer conservas, como a xarda en aceite de oliva ou o bonito do norte en escabeche. De momento, non imos pedir aos nosos seguidores que se atrevan con elas, xa que aínda se están iniciando nos fogóns, pero si nos gustarían animalos a que inclúan máis conservas de produtos do mar na súa lista da compra. Recomendaríasnos un kit básico para que teñan na súa despensa?

Para min, primeiro as xoubas, porque son boísimas. Lembro unha vez que tiven anemia e recomendoumas o médico porque teñen unha alta porcentaxe de ferro, entón téñoas sempre. O bonito, por suposto, en aceite de oliva ou ao natural. Tamén mexillóns e berberechos.

A verdade é que eu son moi de conservas. Parécenme unha forma estupenda de comer peixe. Ao mellor, de noite, que sempre nos dá máis preguiza cociñar, aliñas un pouco de leituga e engades uns mexillóns, ou uns berberechos, ou un pouco de bonito... e xa tes unha cea estupenda, moi sa e nutritiva. E se a mediodía non comiches peixe, así tómalo pola noite.

Por último, como compartes todas as túas receitas na túa conta de Instagram. ¿Diríasnos algún truco para animar a que os máis cocinillas poidan presumir das súas creacións nas redes?

Sobre todo teñen que ter luz. E unha presentación apetecible. Eu como cos ollos, incluso cando escollo froita, todo me ten que parecer bonito. Senón, non me apetece comelo. Entón, extrapolo isto ás fotos.

A presentación en cociña é fundamental. Hoxe en día todos facemos fotos cando imos a comer fóra, estamos todos facendo fotos co móbil nos restaurantes. Pero se non teñen luz e non hai harmonía, non che apetecen. Tamén teñen que ter harmonía de cor. Hai veces que engadir un tomate cereixa á foto, pois dálle vida ao prato e iso faino máis bonito. Pero en canto a gustos non hai nada escrito.