A sardiña, a delicia do San Xoán

Sardiñas. Foto de @ohforkyes

O dito galego recorda que “polo San Xoán a sardiña molla o pan”. Así, sen complicacións, a nosa tradición oral dános conta do inicio dunha época na que un produto do mar tan san coma a sardiña está no seu mellor momento de consumo.

A sardiña é un peixe que se despraza na contorna da plataforma continental e da superficie do mar. Vive formando grandes bancos de milleiros de individuos e aliméntase principalmente do plancto mariño. Entre xuño e finais de agosto a maior presenza de plancto nas nosas costas fai que a sardiña estea en pleno apoxeo. Por iso, na época do San Xoán a sardiña “molla o pan”, xusto cando este peixe ten máis peso e unha maior presenza da súa característica graxa, ofrecendo un dos sabores máis xenuínos dos nosos mares. Mira que están boas!

Datos de interese

Imos con cifras. Cantas sardiñas tes pensado papar esta noite? Pois tes que saber que cinco sardiñas de tamaño medio achegan ao organismo dous gramos de ácidos graxos omega 3. E que ten de bo isto? Inxerir 20 gramos de omega 3 á semana é suficiente para reducir o risco de infarto nun 7%. Si, sabemos que estás lendo isto e pensando que nin sequera tes 30 anos, pero o coidado de saúde é unha carreira de fondo na que hai que comezar a adestrar desde moi novos.

Outro dato: tamén son fonte de fósforo, selenio, ferro, iodo e magnesio. Todos eles elementos básicos e que toda dieta coa marca #vaidepeixelifestyle debe incluír.

Máis cousas: a proteína da sardiña é de moi fácil dixestión. O corpo metabolízaa rapidamente. Un peixe azul como a sardiña achega proteína de calidade cun achega calórica moderado e saudable.

Estamos seguros de que todas e todos buscastes a vosa versión healthy durante o confinamento. Se tiñas algún reparo para esta noite, esquéceo. Dálle sen medo!

Un manxar á grella

As sardiñadas, ademais da degustación dunha das excelencias da nosa pesca artesanal, son un dos actos sociais máis populares do mapa gastronómico galego. É un bo momento para compartir amizade arredor dunha comida que, por moi sinxela que pareza, non deixa de ser unha delicia da cociña do país. Lume, conversa e sabor. Poucas cousas tan simples nos prestan tanto coma unhas sardiñas ao carón da cachela do San Xoán. E meigas fóra! Iso tampouco pode faltar.

Como preparar as sardiñas en San Xoán coma un PRO

Para que estean no seu punto de sal, os expertos en asaduras bótanlle sal gordo unhas horas antes de levar as sardiñas á grella. Non lle quitan nin a tripa, nin as escamas nin a cabeza. As auténticas sardiñas á grella ásanse enteiras, sen máis liturxias. Cando estean ao lume aconséllase manter unha temperatura constante e que non se levanten as chamas na brasa.  Ao soltar a graxa na grella, é moi fácil que se avive o lume. Hai que deixar que se fagan por un lado e, cando estean no seu punto, darlle a volta, sen máis. Para retiralas da grella nada mellor que collelas pola cola ou pola cabeza. Se se empregan pinzas, as sardiñas poden romper facilmente.

Non pode faltar na mesa un bo pan artesanal galego (BROA!!!), que ao mollarse coas pingas de graxa das sardiñas adquire unha textura e un sabor inesquecible. Ademais de ser un peixe sabedor, non require moita preparación previa para gozar del na noite de San Xoán ou en calquera ocasión durante o verán.