TikTok
Peixe á prancha e sen engurras

Peixe á prancha

Cantas veces escoitaches que preparar os alimentos á prancha é unha das mellores formas, que conserva as propiedades nutritivas e que ademais é saudable e rápida? Todo isto é certo, pero resulta que cociñando deste xeito ás veces pégase o peixe, a súa carne queda crúa, rompe… Non haxa pánico! É algo que nos pasou a todos, e por iso hoxe achegamos eses trucos que converterán a prancha no gran aliado dos teus menús saudables.

Cociñar á prancha é cousa de pouco esforzo e bo produto. Para que ninguén poña en dúbida as túas habilidades culinarias, pide na peixaría que che preparen o peixe fresco para facer á prancha. Ollo, o tamaño si importa! Escolle pezas que non sexan moi grandes ou moi pequenas. As primeiras poderían quedar a medio facer e, as segundas, quedarán tesas como un pau. Pide o peixe desescamado, pero con pel.

Calquera peixe admite ser cociñado á prancha, pero non todas as tixolas o levan ben. Asegúrate de que a tixola teña unha boa capa antiadherente, que non estea raiada e que non teña restos de comida. Se a túa tixola é un desastre, máis áspera que o papel de lixa, dámosche un truco de profesional: usa papel de forno na base -atópalo en calquera supermercado-.

PASO PREVIO: Antes de poñer o produto no ferro é recomendable que lle quitemos o exceso de auga, unha tarefa na que o papel de cociña é o perfecto aliado.

COCIÑAR: Pon a tixola ou ferro a quentar. Non lle engadas o aceite, faino directamente sobre o peixe. Cando a tixola estea quente, coloca a peza co lado da pel sobre o ferro. Saberás que é o momento de darlle a volta cando a parte superior vai tomando cor branco.

A TER EN CONTA: O lume debe estar a temperatura media-alta, se te pasas queimarase por fóra e quedará cru por dentro. 

RECOMENDACIÓN: dálle a volta con coidado cunha paleta ou espátula (non pinzas) para que non se desfaga. Procura non raiar con iso a superficie do ferro.

IDEAS DE CHEFS:

-Se te animas, podes preparar primeiro o peixe nunha cocción de vapor e logo pasalo polo ferro para deixalo selado. Para nota!

-Pon o sal xusto antes ou recén sacado da tixola. Se sazonas antes de iniciar o cociñado é posible que o peixe quede seco.

O peixe á prancha é moi saboroso e ten poucas calorías. Podes acompañalo con calquera guarnición, desde unhas patacas fritas ou cocidas a un puré, calquera hortaliza ou verdura de tempada.