O peixe, o mellor aliado da saúde

No verán tamén =)

Imaxe de Hoan Vo. VAIDEPEIXE

Xa estamos no verán! Isto tradúcese en bo tempo (ás veces), vacacións, escapadas... pero tamén se traduce en rotura con rutinas saudables. Comemos moito fóra e descoidamos algúns aspectos, coma a presenza dos produtos da pesca e da acuicultura na nosa mesa. Menos mal que estamos aquí para lembrarche que consumir máis de tres racións de peixe á semana é unha práctica saudable que os expertos en nutrición aconsellan na dieta de calquera persoa.

O produto que atopamos nas peixarías dos nosos mercados e que procede da flota galega é unha fonte de saúde con moitas propiedades e, cunha sinxela preparación, convértese nunha experiencia gastronómica que presta infinito.

Os expertos en endocrinoloxía ou os nutricionistas non se cansan de falar da sorte que temos en Galicia ao poder botar man dos produtos frescos que nos brinda a nosa costa en calquera época do ano. Cristina Guillín Amarelle, médico da área de endocrinoloxía e nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), recorda que introducir nos hábitos alimenticios a presenza de 3 ou 4 racións de peixe á semana é unha das recomendacións da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e de Nutrición.

Segundo a doutora Guillín, existen fontes de proteínas ou micronutrientes igualmente saudables, pero recomenda ser coidadosos á hora de substituír o peixe dado que “cando unha persoa reduce o consumo de produtos do mar posiblemente aumenta a inxestión doutros alimentos menos saudables e con máis achega calórica”.

A experta considera positivo incluír peixe na dieta polos seus beneficios “para o organismo como a súa achegaa de vitaminas, ácidos graxos polinsaturados omega 3, vitaminas do grupo B, vitaminas liposolubles e una importante achega de minerais coma o iodo”.

Peixe branco ou azul?

Guillín ten claro que “non hai un mellor que outro. O peixe branco ten menos calorías e o peixe azul achega máis omega 3, pero ambos son ricos en micronutrientes”, sinala. Apela ao sentido común para “variar a dieta e procurar tomar produto fresco e de temporada”.

A dietista e nutricionista Vicky Lorenzo lembra que o peixe “é bo para mellorar o sistema inmunitario e ten calidades antiinflamatorias e cardioprotectoras”. Entre as súas recomendacións figura o de explorar novas propostas culinarias máis aló da tradicional caldeirada, a fritura ou o peixe á prancha. Como xa vos contaramos nun artigo, somos xente innovadora no culinario e témolo que demostrar. Lorenzo recorda que na época estival “o peixe branco é unha boa opción para facer pratos que se consumen en frío. Unha simple cocción dunha pescada ou rape en auga con sal, loureiro e limón, unha vez fría, pode facer do peixe un bo ingrediente para ensaladas ou preparacións coma o salpicón”.

A dietista recomenda as elaboracións a baixa temperatura e, en calquera caso, respectar os tempos de cociñado. “Este tipo de preparacións preservan as graxas boas do peixe, concretamente o omega 3”, afirma.

Fresco ou conxelado?

Calquera das dúas opcións é fonte de saúde. “O peixe acabado de chegar do mar non ten competencia -di Vicky Lorenzo-, pero o conxelado conserva perfectamente todos os nutrientes e resulta igual de saudable”. En Galicia tamén atopamos peixe en conserva de calidade cunha interesante achega nutricional que se pode acompañar con calquera guarnición de verdura ou produto da horta galega.

Xa falaron as expertas. Agora tócache a ti. Non sabes nin por onde comezar? O libro de receitas de VAIDEPEIXE axudarache. Bótalle unha ollada!