Peixes e mariscos para celebrar o Nadal

Peixes e mariscos para celebrar o Nadal

Nadal, época de celebrar e, por suposto, de compartir mesa coa familia. E sen dúbida, en Vai de peixe non podemos pensar nun menú para celebrar estas festas que non inclúa, polo menos, un produto procedente do mar. E a verdade é que os produtos pesqueiros son un dos ingredientes máis clásicos para rematar o ano. 

Pero, saberías dicirnos cales son os favoritos nestas datas? Segundo datos da federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios de Peixes (Fedepesca), as especies de peixe que máis se venden son robaliza, ollomol, rape, rodaballo e pescada. Todos eles cun gran valor nutricional e que admiten infinitas preparacións. 

Robaliza

Peixe branco que destaca polo seu alto contido en omega 3 e cun valor proteico similar ao da carne, aínda que con menor aporte calórico. En papillote é unha das preparacións máis populares, pero tamén está exquisita ao forno ou acompañada dalgún bivalvo, como as ameixas. 

Ollomol

Cun escaso aporte de graxas, é unha gran fonte de ferro. Unha das receitas máis tradicionais do Nadal é ao forno con patacas panadeiras, un prato moi sinxelo que podes personalizar ao teu gusto engadindo cebola doce, algunha verdura ou pementa para darlle un toque máis picante.

Rape

Rico en vitamina B9, é a elección ideal se buscas un prato lixeiro. En salsa verde ou á galega son dúas preparacións que estamos seguros que coñeces de sobra. Anímaste a probalo con xamón, con verduras e piñóns ou nunha ensalada de xudías?

Rodaballo

Coñecido polo seu grande aporte en potasio, fósforo e selenio, o seu sabor explica por que é un dos favoritos nestas festas. Ao forno con patacas ou cogomelos, sempre funciona ben. Por que non o probas á prancha? Sempre podes acompañalo dalgunha verdura de temporada, como as alcachofas. 

Pescada

Vitaminas B1, B2, B3, B3, B9 e B12 son as que che aportará se o elixes para algunha das receitas deste Nadal, como á galega ou rechea. Con gambas, con ameixas ou mexillóns será o peixe perfecto para facer unha sopa como primeiro prato.