TikTok
O outono no teu prato: Robaliza ao forno sobre cama de mazá

O outono no teu prato: Robaliza ao forno sobre cama de mazá

Vai de peixe propón unha receita elaborada con dous dos ingredientes da época e que mestura o mar e a terra. Por unha banda comeza a tempada de robaliza e por outro aproveitamos as mazás para facer desta proposta algo distinto.

Xa sabedes que en Vai de peixe nos gusta darche ideas para triunfar na túa mesa cada día ao tempo que achegamos algúns coñecementos dos produtos da nosa terra. Antes de comezar coa cociña estades convidados a compartir con nós todos os vosos coñecementos sobre estes ingredientes nas nosas redes.

Novembro é o mes no que comeza a tempada das robalizas e que se estende ata o mes de abril. Trátase dun peixe de carne branca que, principalmente, vive en cantís e rompentes con augas limpas e con correntes. É capturado con palangriño- a pesca artesanal con gancho de peixe- ou palangre con cebo vivo, e ás veces é capturado desde a costa con cana.

Na peixaría podedes atopar exemplares que van desde os 35 centímetros -talle mínimo de captura- ata os adultos, que poden chegar ao metro de lonxitude. Estes últimos tamén se denominan robalos.

Por outra banda, en Galicia podemos atopar unha gran variedade de mazás, cuxa tempada de recolección vai de xullo a comezos de novembro. Aproveitamos esta froita para a nosa receita, e máis concretamente a variedade que utilizaremos é a denominada golden. Pero se na túa cociña tes outra variedade da horta non hai nada como o produto da casa. Utilizar o caseiro para facer as receitas é unha sorte que recomendamos aproveitar.

Ingredientes (para 2 persoas): 

  • Dúas robalizas: unha por persoa. É mellor se na peixaría a pides xa limpa (sen tripas, espiña e cabeza). En definitiva, que xa che preparen os lombos. (Consello: procura ir fóra da hora punta para que o poida preparar con calma e sen máis clientes con presas).
  • AOVE (aceite de oliva virxe extra)
  • Viño branco
  • Sal
  • Dúas mazás peladas e cortadas en tacos.
  • Unha cebola picada
  • 50 ml de leite

Modo de preparación:

  1. Acende o forno e pono a quentar a 180º.
  2. Coloca as pezas de robaliza, coa pel cara arriba nunha fonte apta para o forno: pon aceite, sal, viño branco, o zume de medio limón e unha folla de loureiro e introducímola á calor durante 15-20 minutos a 180 grados.
  3. Mentres se fai ao forno preparamos o resto do prato: comezamos por fritir a cebola e cando estea rustrida engadimos a mazá e deixamos que se faga uns 10 minutos. 
  4. Pasado ese tempo engadimos o leite e o sal.
  5. Cando a mazá este branda e ben ligada retiramos a mestura do fogo.
  6. Preparamos para empratar: facemos unha cama coa cebola e a mazá e sobre ela colocamos os lombos coa pel cara abaixo.