TikTok
Peixe sapo en salsa verde

Peixe sapo

Se hai unha receita de peixe que guste e convenza a todo o mundo por aquí esa é a que vos describimos a continuación: o peixe sapo en salsa verde. Supoñemos que xa estás correndo por algo para limpar a baba que che está caendo mentres pensas no resultado final desta receita. E aínda por enriba é moi fácil de preparar! Vexamos como.

Ingredientes

  • 4-5 pezas de peixe sapo
  • 100 gramos de ameixas
  • AOVE (aceite de oliva virxe extra)
  • Allo
  • Cebola
  • Caldo de peixe (un cuarto de litro máis ou menos)
  • Pirixel fresco
  • Sal
  • Fariña

Modo de preparación

  1. Picamos ben picadiños a cebola e o allo e rustrímolos nunha tixola fonda con aceite de oliva virxe extra aproximadamente uns 10 minutos. Lembremos: lume suaviño.
  2. Pasado este tempo engadimos unha cullerada de fariña para que espese a salsa.
  3. Feito isto incorporamos o caldo de peixe. Aquí temos dúas opcións: utilizar caldo feito na casa ou recorrer a caldo xa preparado (podemos compralo en calquera tenda de alimentación). Remexemos un pouco para que se mesture.
  4. Incorporamos o peixe sapo e as ameixas (hai que limpalas previamente).
  5. Deixamos que se faga na salsa durante uns 10 minutos máis ou menos. Dámoslle a volta ás pezas de peixe sapo cando vaian pola metade da cocción.
  6. Cando falten uns minutos picamos o pirixel e esparexémolo pola salsa.
  7. Agora só queda empratar!

Ves como é unha receita moi fácil de preparar? Agora xa non tes escusa. Atrévete con ela e comparte o resultado final etiquetándonos no noso Instagram: @vaidepeixe.