Comes de táper todos os días e estás quedando sen ideas? Apunta este prato, que ten unha versión fría -moi rápida- e unha quente, algo máis elaborada.
VERSIÓN FRÍA
Ingredientes
- 3 tomates
- 1 tarro de bonito en conserva ao natural ou en aceite de oliva
- Media cebola
- 1 ovo cocido
- Media lata de millo doce
- Aceite de oliva
- Vinagre
Modo de preparación
Lava ben os tomates, failles un corte pola parte superior e baleira o seu interior. Pica o ovo e a ceboliña, escorre o bonito e xúntaos nun prato. Engade o millo doce, unha ou dúas culleradas da polpa dos tomates, aceite e vinagre ao teu gusto e mestura cunha culler.
Coloca os tomates no teu táper e éncheos coa pasta que acabas de facer. Por último, engade un pouco de pirixel, alfábega ou coandro ou, se o prefires, tápaos coa parte superior do tomate.
VERSIÓN QUENTE
Ingredientes
- 3 tomates
- 1 roda de bonito
- Media cebola
- Media lata de millo doce
- Aceite de oliva
- Queixo raiado
Modo de preparación
Mentres quentas o forno a 200 graos, lava ben os tomates, failles un corte na parte superior e baleira o seu interior. Co forno listo, mete os tomates sobre unha bandexa e quéntaos arredor de 15 minutos.
Pica a ceboliña, rústrea nunha tixola e engade o bonito esmiuzado. Cando a mestura estea case lista, agrega o millo doce, unha ou dúas culleradas da polpa dos tomates e o queixo. Remove todo ben.
Igual que na versión fría, coloca os tomates no teu táper unha vez os retires do forno e reéncheos coa pasta que acabas de facer.
