Tanto polo seu gran valor nutritivo como pola variedade de sabores, nos últimos anos as algas foron cobrando cada vez máis protagonismo nas cociñas máis famosas do noso país. E seguramente esteas a pensar...Como me vou poñer eu a cociñar algas na miña casa? Seguro que é dificilísimo!
Para nada. En Vai de peixe traémosche tres propostas moi sinxelas coas que podes iniciarte neste mundo. Anímaste a probalas?
Tempura de espaguete de mar
Ingredientes
- Espaguete de mar
- 200 gr de fariña
- 1 vaso de auga fría
- 1 ovo
- Sal
- Aceite de oliva
Modo de preparación
En primeiro lugar, terás que hidratar as algas. Para iso, podes ou introducilas nun recipiente con auga durante dez minutos ou escaldalas en auga fervendo durante cinco minutos. Cando estean listas, retíraas da auga e escórreas ben.
Por outro lado, prepara a tempura mesturando a fariña, o vaso de auga fría e o ovo. Bate todo ben. Coa mestura preparada, reboza as algas e vainas introducindo nunha tixola con aceite ben quente ata que queden ben douradas. Por último, retíraas e déixaas repousar sobre unha reixa metálica ou un papel de cociña para que perdan o máximo exceso de aceite posible.
Ensalada de alga wakame
Ingredientes
- Alga wakame
- Leituga de folla de carballo
- Rúcula
- Cebola
- Espárragos brancos
- Sementes de sésamo
- Vinagre
- Limón (opcional)
Modo de preparación
Hidrata as algas nun recipiente con auga fría durante 10 ou 15 minutos. Mentres tanto, lava o resto de follas verdes e pica a cebola. Cando as algas estean listas, escórreas ben e coloca todos os ingredientes nun prato. Decora coas sementes de sésamo e aliña con abundante vinagre e unhas gotas de limón.
Consello Vai de Peixe: esta ensalada é estupenda para acompañar pratos de peixe!
Tortilla de patacas e alga nori
Ingredientes (para 2 persoas)
- 4 ovos
- 2 patacas grandes
- 3 culleradas de alga nori en escamas
- Sal
- Aceite de oliva
Modo de preparación
Como nas receitas anteriores, hidrata as algas en auga. Unha vez estean listas, retíraas da auga e escórreas ben.
Prepara a tortilla como o fagas normalmente. As algas teralas que incorporar no momento no que mestures as patacas e os ovos. Tamén podes engadir cebola ou pemento vermello.
