Como ser un auténtico foodie de aperitivo
Estás pensando na próxima fin de semana e seguro que xa o tes todo programado. O sábado, antes de xantar, toca un novo aperitivo. E se che preguntamos con que o vas acompañar, entran os produtos do mar nos teus plans?
Pode ser que nun primeiro momento a preguiza invada o teu corpo e penses que cunha lata de olivas ou unha ración das túas patacas fritidas preferidas xa sería suficiente. Non o imos negar: é rápido e barato. Pero en Vai de peixe imos un pouco máis alá. Crenos, os produtos do mar serán os teus aliados para preparar un aperitivo sinxelo, que non requira moito tempo e que ademais deixe impresionados aos teus amigos. A que soa apetecible?
Pénsao con antelación
Non é cuestión de que o luns teñas que sentarte diante do ordenador para buscar en Google a receita máis orixinal. Pero si que podes ter en conta este aperitivo como unha comida máis á hora de planificar o teu menú semanal. O xoves cearás peixe sapo? Prepara media ración máis e resérvaa para unha tapa de salpicón. Hai un día no que xantarás pescada? Cunha roda máis e algunhas verduras poderás facer unha espetada, que só deberás rematar cun golpe de tixola ou adobar con vinagre e as túas especias preferidas. É cuestión de botarlle imaxinación!
As conservas son as túas amigas
A estas alturas supoñemos que xa sabes que en Vai de peixe somos uns apaixonados das conservas de peixe e marisco e por iso non poden faltar nas nosas propostas de aperitivo. Se che gustan as tostas, xoubas e atún xunto con pemento, espárragos, tomate ou queixo poden dar lugar a combinacións moi vistosas. Se tes un batedor a man, atrévete a crear o teu propio paté, non leva máis de cinco minutos. Ou personaliza as latas de berberechos ou mexillóns ao natural engadindo zume de cítricos ou chile ao líquido que as acompaña. Como ves, as posibilidades son infinitas.
E se o plan é improvisado, o tempo non é escusa. Porque, que hai máis rápido que abrir unha lata de produtos do mar?