TikTok
Que é vai de peixe?

Que é vai de peixe

Cada vez estamos máis concienciados co que comemos, preocúpanos a composición dos produtos que compramos e como estes impactan sobre o medio ambiente. Especialmente a mocidade.

Segundo apuntan varios estudos, Millennials e Xeración Z, debido á falta de tempo, estudos ou vida laboral, non se alimentan correctamente e abusan da comida rápida ou a domicilio.

Iso si, gústanlles os hábitos máis saudables e están máis abertos a incorporalos nas súas vidas. A pesar disto, o peixe non está entre os produtos que máis consumen. E iso é precisamente o que imos cambiar.

A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña VAI DE PEIXE para fomentar o consumo de produtos do mar e da acuicultura entre a mocidade galega. Porque todo ten un comezo e o noso, como galegas e galegos, é o mar.

O reto: cambiar os hábitos da xente moza, xerar unha maior concienciación e axudarlles a levar unha vida máis sa a través do consumo dos produtos das rías galegas. Imos conseguir que estes sexan habituais na nosa dieta. Súmaste?

Toda persoa seguidora do #vaidepeixelifestyle coñece o noso decálogo. Sabe cales son os momentos óptimos de consumo de cada especie. Sabe sacarlle a cada peixe tres/catro boas receitas -preparadas na pota, á prancha, no forno ou en conserva-. Sabe perfectamente cales son os pratos con produtos do mar favoritos de Patricia F. Santana ou Fran Cañotas e, como non, seguiu con lapis e libreta algún dos directos de Ana Peleteiro preparando unha receita. Se xa participou nalgún concurso con receitas propias: matrícula de honra. 
De todos xeitos, e tendo en conta que un repaso nunca está de máis, decidimos elaborar este pequeno artigo cos datos imprescindibles sobre os produtos do mar para que cando presumas de seguir a VAIDEPEIXE quedes de pro. Imos!

Azul e branco. Cal é a diferenza?

Escoitamos falar moito de peixe azul e peixe branco, de cal é mellor... A resposta é sinxela: calquera dos dous tipos son recomendables e o seu consumo achéganos nutrientes e beneficios para a saúde. Agora ben, cada un faino á súa maneira. 
O peixe azul (rodaballo, troita ou sardiña) acumula 8-15% de masa graxa e por esta razón é rico en omega-3 (falamos disto máis abaixo). Este tipo de peixe contén proteínas de alto valor biolóxico como iodo, magnesio, ferro e fósforo. Ademais, algúns destes peixes poden ser consumidos con espiñas, o cal achega calcio ao noso organismo. 
Pola súa banda, o peixe branco (peixe sapo, pescada ou bacallau) ten un contido graxo menor que o peixe azul, entre o 1-3%. Son menos calóricos e máis facilmente dixeribles e tamén achegan elementos como calcio e fósforo ao noso organismo. Son ademais ricos en vitaminas B, C, A, D e E. 

Para que serve o Omega-3?

O omega-3, tan abundante no peixe azul, é un ácido graxo que ten grandes beneficios para a nosa saúde, en particular todo o que ten que ver co sistema cardiovascular. Diferentes estudos atoparon que a xente que consume peixe azul dúas veces á semana ten un 50% menos de probabilidades de ter algún problema cardíaco. Case nada. 
A cousa non queda aí. O omega-3 mellora a capacidade antiinflamatoria do organismo, estabiliza o sistema inmunolóxico, mellora a circulación cerebral -fortalecendo a actividade do mesmo- e no caso das mulleres alivia a síndrome premenstrual. Estes son algúns dos beneficios máis destacados. 
Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC, cóntanolo faciliño: “Se queres ter un organismo premium, un corazón premium, un sistema inmunolóxico premium... toma alimentos premium”. Adiviñade que produtos están entre estes alimentos premium. Correcto. 

Como é iso de que vou ter mellor memoria e desenvolvemento intelectual?

Non che estamos dicindo que por comer moito peixe vaias ser Nobel de Física, pero se acadas esa meta non deixes de meter o peixe na lista de agradecementos. Como xa sinalamos, o peixe é unha gran fonte de fósforo, ao que hai que sumar o zinc, as vitaminas A e B12, e o ácido fólico. Todos estes elementos contribúen á concentración, á aprendizaxe e á memoria. Ademais, o peixe azul axuda á activación das capacidades cognitivas. 

Cantas veces teño que comer peixe á semana? 

Se repasas un pouco o que comes cada semana seguro que xa cumpres co mínimo recomendado. Vexamos: o luns fixeches ensalada de pasta con atún; o xoves pediches sushi; e o sábado fuches comer á casa de teus pais e fixeron robaliza ao forno. Conseguido! Os expertos recomendan consumir peixe 2-3 veces por semana combinando peixe branco e azul. Agora intenta cumprir o obxectivo facendo ti algo 😉 

Como podo preparalo? 

En canto a isto, témosche falado do asunto en varias ocasións. O mellor que podes facer é repasar estes dous artigos do noso blog: 

Guía VAIDEPEIXE para ser un chef de primeira: nivel básico
Guía VAIDEPEIXE para ser un chef de primeira: nivel avanzado

E claro, non podemos concluír este artigo sen retarche a preparar as múltiples, variadas e sobre todo riquísimas receitas da nosa web. Preme aquí para velas. 
E xa non dicimos máis. Coma sempre, recordámosche que podes (e debes) seguirnos no noso Instagram. E cando fagas receitas espectaculares non dubides en compartilas con nós co cancelo #vaidepeixe.